ALCALDÍA

O alcalde condena as pintadas aparecidas no contorno da Catedral "porque nada xustifica a agresión ao patrimonio de todas e todos"

12/03/2019 O alcalde expresou "a máis firme condena" ante as pintadas aparecidas esta mañá no contorno da Catedral de Santiago. Martiño Noriega lembrou que "nunha cidade que é Patrimonio Mundial da Humanidade, calquera reivindicación ten que respectar o patrimonio de todas e todos".

O alcalde explicou que "dende primeira hora da mañá, o Goberno local púxose en contacto co responsable da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, para poñer á súa disposición os medios do Concello e para condenar estes actos". Martiño Noriega insistiu na necesidade de "lanzar unha mensaxe unánime de contundencia para apelar á responsabilidade, porque cando se atenta contra bens coma a Catedral aténtase contra o conxunto da cidadanía"

Esta mañá apareceron ata cinco pintadas en diferentes puntos da cidade histórica, as máis sensibles nas escaleiras da Catedral e no arco de Xelmírez. Expertos en conservación do patrimonio analizáronas a primeira hora da mañá para determinar cal é o método máis acaído para a súa limpeza. Pola súa parte, a Policía ten aberta unha investigación para aclarar o acontecido.

Compartir: