XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a obra da cuberta da pista polideportiva de Verdía

11/03/2019 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras da cuberta da pista polideportiva de Verdía. A actuación, vinculada ao POS 2018, adxudicouse por un importe de case 115.000 euros, IVE incluído.

O proxecto contempla a instalación dunha cuberta na pista polideportiva de Verdía, situada ao carón da vella estación do ferrocarril. A instalación terá unhas dimensións maiores que a propia pista, de cara a unha futura ampliación deste equipamento que na actualidade non cumpre coas dimensións regulamentarias para o desenvolvemento dunha práctica deportiva concreta. As obras teñen un prazo de execución de catro meses.

Espazo de ocio cuberto en Laraño
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou o proxecto básico e de execución do espazo de ocio cuberto na parroquia de Laraño, no que se van investir 180.000 euros. O equipamento estará localizado no lugar de Reibó, ao carón da edificación destinada a escola infantil e sede da asociación veciñal.

A nova pista terá unha superficie de 16 x 20 metros, e estará aberta por tres dos seus lados. O obxectivo da actuación é dotar á veciñanza de Laraño dun espazo multiúsos cuberto para a realización de actividades deportivas non regradas, así como actividades de ocio pensadas para o alumnado da escola infantil e da veciñanza en xeral.

Outros acordos
Na reunión de hoxe, o Goberno tamén modificou o acordo de participación no POS+ 2019 da Deputación da Coruña, despois de que o organismo provincial aumentara o orzamento destinado a este plan. Finalmente, o Concello de Santiago destinará case 81.000 euros ao pago a provedores, 91.000 a gastos correntes, e case 685.000 euros a investimentos. En canto ao Plan Complementario, inclúense investimentos financeiramente sostibles por un importe de 723.000 euros.

Por último, a Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o expediente de resolución do contrato subscrito coa empresa ASFALGAL, responsable das obras de rexeneración do pavimento da calzada do eixo das rúas Ponte Marzán-Sandino-Cruceiro de Sar. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que se adoptou esta decisión despois de que a empresa non avanzara nas últimas semanas na conclusión das obras, ás que lle restan un 10% do total. Da súa execución xa se está encargando a Brigada de Vías e Obras.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: