XUNTA DE GOBERNO

Concello e Acuaes asinarán o venres o convenio para desenvolver o proxecto da EDAR da Silvouta por diálogo competitivo

11/03/2019 O alcalde, Martiño Noriega, viaxará o venres a Madrid para asinar con Acuaes o convenio para o financiamento dos custos incorridos no proceso de diálogo competitivo para a determinación do proxecto de construción da EDAR da Silvouta. O acordo foi aprobado hoxe pola Xunta de Goberno.

Días despois de que o fixera Acuaes, o Goberno local aprobou hoxe o texto do convenio que permitirá desenvolver o proxecto da EDAR a través do sistema do diálogo competitivo, tal e como demandaba o Concello. Martiño Noriega expresou o seu agradecemento á directora xeral de Acuaes, Rosa Cobo, "por comprometerse con esta maneira de licitar a infraestrutura, que agora mesmo é novidosa pero que previsiblemente será a máis habitual nun prazo de dez ou quince anos".

O alcalde explicou que o diálogo competitivo "é unha figura contemplada na Lei de Contratos, moi acaída para contratos nos que se precisa innovación tecnolóxica, como é o caso do proxecto da EDAR da Silvouta". Con este procedemento, "o órgano licitador non pide ofertas para executar unha obra, senón que require unha solución para un problema cuns condicionantes concretos". No caso da depuradora de Santiago, "terán que presentarse solucións que garantan que a EDAR se fará nos terreos da actual depuradora da Silvouta, e tendo en conta os prazos de execución que permitan acceder aos fondos europeos".

Custos
O convenio que será asinado o venres sinala que será o Concello quen asuma o custo do diálogo competitivo, fixado nun máximo de 450.000 euros a achegar nas anualidades 2020 e 2021. O alcalde explicou que "esta cifra é a estimada para asumir os gastos da elaboración dos anteproxectos das empresas que sexan seleccionadas para o proceso, e é probable que o gasto final sexa menor". Ademais, apuntou que "a cantidade que achegue o Concello para o diálogo competitivo será compensada despois no futuro convenio para o desenvolvemento das obras".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: