CONVIVENCIA E EDUCACIÓN

Os Bombeiros celebran o seu patrón e unha xornada de portas abertas

09/03/2019 Os Bombeiros de Santiago celebraron este venres o seu patrón, San Xoán de Deus, participando nunha recepción do alcalde, Martiño Noriega, no propio parque. Hoxe sábado realizaron unha xornada de portas abertas na que participaron nenos e nenas coas súas familias.

As actividades da xornada de portas abertas incluiron a exhibición dos vehículos, traxes e material dos que dispón o servizo. Tamén se mostraron dous vehículos históricos do servizo, un do ano 1912 e outro de 1957. Ademais, houbo actividades como a elaboración de carnés infantís de bombeiros ou de cascos para nenos e nenas.

Escolas infantís
En especial, o persoal das escolas infantís municipais, do Departamento de Educación e do Servizo de Extinción de Incendios, prepararon un programa de actividades para os nenos e nenas das escolas de Conxo, As Fontiñas, Meixonfrío-Salgueiriños e Castiñeiriño e as súas familias.

Os rapaces e rapazas elaboraron un súper-mural para celebrar o día dos Bombeiros con diferentes técnicas plásticas: pinceis, estampado de esponxas, pegada de anacos de papeis de cores… Ademais, puideron apagar un lume ficticio con globos cheos de auga, lanzándoos contra un edificio figurado en lapas.

Outra das actividades foi a creación de extintores con materiais de refugallo, utilizando materiais como botellas baleiras, cordóns, precintos de cores e moita imaxinación.

Compartir: