DEPORTE

Entregados os premios "Santiago Deporte"

07/03/2019 O Concello de Santiago concedeu os premios Santiago Deporte, cos que ser recoñeceu publicamente a persoas e entidades polo labor desenvolvido no 2018 ou na tempada 2017/2018. Os galardóns foron entregados no Auditorio de Galicia nunha gala presidida polo alcalde, Martiño Noriega, e conducida polos xornalistas Silvia Castiñeiras e Fran Cañotas.

Nesta edición había oito categorías, cuxos premiados e premiadas foron elixidos/as por un comité avaliador formado polo alcalde de Santiago, a concelleira de Deporte, un membro de cada un dos grupos políticos con representación municipal, un representante da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, un representante da Deputación da Coruña e un representante de cada un dos medios de comunicación con sede local en Santiago.

Como mellor deportista feminina elixiuse á xogadora de baloncesto Blanca Millán e como mellor deportista masculino ao judoka Martín Salvado, por despuntar nos seus respectivos deportes. O Victoria FC recibiu o premio como a entidade deportiva máis destacada, valorando así a súa promoción do deporte en Compostela e o seu bo facer na Segunda División de fútbol feminino.

O premio ao adestrador máis destacado foi para Yago Iglesias, adestrador da SD Compostela a quen o comité avaliador premiou pola boa tempada 2017/2018 do equipo que dirixe, que chegou a xogar os play-off de ascenso a Segunda División B.

Arteal S.L. foi a entidade premiada na categoría "Patrocinio deportivo", pola súa vinculación, promoción e apoio ao tenis de mesa en Compostela e ao club Arteal- Tenis de Mesa, que é unha referencia no conxunto do Estado.

Pola súa banda, Special Olympics Galicia recibiu o premio na categoría "Actividade ou acción social", por ser unha entidade que durante o ano 2018 desenvolveu actividades e programas de carácter benéfico que favorecen a cohesión social e fomentan os hábitos deportivos saudables. O premio á entidade educativa do 2018 recaeu no Colexio Compañía de María, que se distinguiu no 2018 por impulsar os valores do deporte no ámbito educativo, tanto internamente como no resto do municipio.

O Premio Honorífico á traxectoria deportiva foi para Antonio Bermúdez Vidán, xornalista moi recoñecido na cidade e que dedicou toda a súa vida profesional á cobertura informativa dos equipos de Compostela como locutor de Radio Galicia-Cadea SER. Con este galardón quixo recoñecérselle a súa implicación e o seu traballo a prol do deporte no municipio.

Finalmente, entregáronse unhas mecións especiais a Jesús Conde, que foi presidente do SD Villestro; Antonio Pais, futbolista e deportista moi vinculado ao municipio, e Alfonso Rivera, quen fora adestrador do Obradoiro.

Direccións relacionadas



Compartir: