IGUALDADE

O Concello facilita a participación na folga feminista do 8 de marzo e aproba os servizos mínimos

07/03/2019 O Concello de Santiago facilita a participación das traballadoras municipais na Folga Feminista prevista para o vindeiro venres, 8 de marzo. Así o trasladaron as concelleiras de Igualdade e de Facenda, Marta Lois e María Rozas, nunha circular remitida esta mañá onde explican que, ao estar rexistrada a folga xeral, "se lle dá cobertura legal a todas as traballadoras do Concello para participar neste día de reivindicación e mobilización".

Tal e como se indica no escrito, "a folga pretende visibilizar e denunciar as desigualdades, as discriminacións e as violencias estruturais que sofre máis da metade da poboación mundial: as mulleres. Pero tamén busca ser unha xornada de reivindicación dun novo modelo social, xusto, democrático e igualitario".

No escrito recóllese que "facemos un chamamento conxunto para apoiar este paro entre as mulleres traballadoras do Concello, sumándonos deste xeito á convocatoria global". Desta maneira, "dende o ámbito municipal queremos tamén facer visible e xerar conciencia social sobre cuestións como a persistente fenda salarial de xénero, a precarización das mulleres no eido laboral, as violencias machistas, a mercantilización dos corpos das mulleres ou o traballo non remunerado que fan as mulleres de maneira case exclusiva no espazo dos coidados".

Servizos mínimos
A edila de Economía e Facenda aprobou tamén o decreto de servizos mínimos que inclúen un administrativo no Rexistro Xeral, dous funcionarios para as urxencias na brigada de Vías e Obras, un condutor, un funcionario na alcaldía, un conserxe en cada quenda e as quendas habituais para Policía Local e bombeiros en día festivo.

Compartir: