PLENO

Rexeitada a creación dunha comisión de investigación sobre os contratos

07/03/2019 O Pleno da Corporación rexeitou hoxe a creación dunha comisión de investigación sobre os contratos adxudicados polo Goberno local, tal e como solicitaba o PP. O dos populares foi o único grupo que votou a favor da proposta, rexeitada por Compostela Aberta e o BNG. O PSOE optou pola abstención.

O PP solicitaba a creación dunha comisión que analizara as adxudicacións menores realizadas polo Goberno local "por entender que recaeran en persoas próximas a Compostela Aberta". O concelleiro Alejandro Sánchez Brunete insistiu durante a sesión en que "o grupo de Goberno ten creado un entramado de contratos menores para beneficiar a familiares e compañeiros", e insistiu en que "o PP busca responsabilidades políticas e non legais, porque o que nos preguntamos é se estas contratacións son éticas ainda que sexan legais".

A voceira do BNG, Goretti Sanmartín, expresou o rexeitamento do seu grupo á creación da comisión "porque pouca ou ningunha credibilidade teñen estas acusacións do PP, que lle fixo dano importante ás empresas sobre as que non cabe ningunha sospeita". Pola súa banda, o voceiro do PSOE, Paco Reyes, apostou por "regular os contratos menores e facilitar a súa transparencia", pero reiterou que "non hai datos que apunten ao trato de favor nas adxudicacións sinaldas polo PP".

Na súa intenvención, o alcalde insistiu en que "non imos entrar no marco do PP de crear listas negras, na política da esterqueira". Martiño Noriega mostrou o seu convencemento de que "o Partido Popular non quere investigar, non quere debater. Esta petición só tén que ver co momento electoral no que estamos, e estou convencido de que non vai ter o rédito que pretenden".

No Pleno, ao que acudiron representantes de moitas empresas, interviu Clara Rodríguez Cordeiro, en nome da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Fíxoo para pedir "que os partidos políticos non utilicen aos profesionais da cultura para fins electorais"

Compartir: