ACCIÓN CULTURAL

"Women (be)coming", a exposición itinerante do proxecto Wom@rts, abre as súas portas en Maribor

07/03/2019 Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, proxecto Wom@rts inaugura este venres, 8 de marzo, en Maribor (Eslovenia) a primeira mostra dunha exposición itinerante que percorrerá Europa entre 2019 e 2020. Baixo o título Women (be)coming, a exhibición busca servir tamén de homenaxe ao ensaio O segundo sexo, de Simone de Beauvoir, no 70 aniversario da súa primeira publicación.

A Umetnostna Galerija de Maribor (UGM), unha das entidades parceiras deste proxecto, é, así, a primeira sede en exhibir as obras realizadas polas 32 artistas europeas que participaron nas residencias artísticas do Wom@rts. Na apertura, a galería acolle unha primeira selección de pezas conformada por creacións diversas no ámbito do estampado, a banda deseñada e a imaxe dixital, con traballos de Haya Blanco (Santiago de Compostela), Ana Pečar (Eslovenia), María Castellanos (España), Cristina Busto Álvarez (España), Marija Stonytė (Lituania), Hanne Larsen (Noruega), Stéphanie Cadoret (Francia), Fernanda Álvarez Jiménez (España), Aoiffe Barret (Irlanda), Neringa Žukauskaitė (Lituania), Audrey Potrat (Francia), Samira Kentrić (Eslovenia), Korina Hunjak (Croacia), Merieme Mesfioui (Francia), Nanu González (España) e Fionnualla Doran (Irlanda).

A directora da galería, Breda Kolar Sluga, é a comisaria desta mostra, que poderá ser visitada até o 8 de abril. O 26 de abril chegará a quenda para un segundo grupo de obras que poderán ser visitadas até o 1 de xuño. A seguir, a exhibición porá rumbo a cidade lituana de Vilnius, e viaxará despois a Santiago de Compostela (en novembro de 2019), Angoulême (Francia), Rijeka (Croacia), Avilés (España) e Limerick (Irlanda).

A exhibición inaugural, programada ás 19:00 horas, conta cunha extensa representación das institucións involucradas no proxecto e das artistas participantes nas residencias, para alén da intervención da filósofa e docente eslovena, Eva D. Bahovec.

Wom@rts é un proxecto cooperativo de longa duración e sen ánimo de lucro que conta con financiamento do Programa Europa Creativa da Unión Europea. Dende unha perspectiva interdisciplinaria e intersectorial, a iniciativa procura unha presenza igualitaria das mulleres nas artes e busca favorecer a súa visibilidade, promoción e acceso aos mercados. Coordinado polo Auditorio de Galicia, congrega numerosas institución públicas e privadas como a Fundación Municipal de Cultura do Concello de Avilés) a rede finesa WIFT (Women in Film & Television Finland), o Concello da cidade de Vilnius (Lituania), o Centro Audiovisual Simone de Beauvoir e a Communauté d’Agglomération du Grand Angoulême (Francia), o Instituto de Tecnoloxía de Limerick (Irlanda), o Hay Festival (Reino Unido), a Academia de Artes Aplicadas da Universidade de Rijeka (Croacia) e a galería UGM en Maribor (Eslovenia).

A web do proxecto (www.womarts.eu) contén información detallada das actividades e accións do proxecto e das artistas que nel participan.

Compartir: