TURISMO

Os hoteis da cidade superan por primeira vez as 50.000 pernoctacións en xaneiro dende o Xacobeo 2010

06/03/2019 O pasado mes de xaneiro os hoteis da cidade rexistraron 51.494 pernoctacións, segundo os datos do INE. É a primeira vez que se superan as 50.000 pernoctacións no primeiro mes do ano dende o Ano Santo 2010. Dende entón, o dato máis baixo no mes de xaneiro foi no ano 2015, cando houbo apenas 37.576 pernoctacións.

O crecemento acumulado nestes últimos catro anos no mes de xaneiro foi do 37%, un dato que amosa o proceso de desestacionalización crecente que está vivindo a demanda turística da cidade. Os datos de pernoctacións do INE están na liña de crecemento que está vivindo o aeroporto de Santiago tamén en temporada baixa. En xaneiro do 2019, o aeroporto viviu o seu mellor mes de xaneiro, con 178.769 pasaxeiros e pasaxeiras, un 41% máis que en xaneiro do 2015.

Promoción Alemaña
Por outra parte, Turismo de Santiago participa na ITB, principal feira de turismo do mercado alemán, que se celebra en Berlín do 6 ao 10 de marzo. A participación da entidade municipal de promoción turística na ITB é unha das súas accións máis importantes do ano, xa que o mercado alemán é un mercado prioritario para a cidade.

O mercado alemán está vivindo ademais uns anos de crecemento moi importante na cidade, en boa medida grazas á chegada de Lufthansa ao aeroporto en 2017 e que neste 2019 ampliará a súa oferta na ruta con Frankfurt con cinco voos á semana, fronte aos tres cos que comezou hai un par de anos. Este crecemento resúmese no máximo histórico de peregrinos e peregrinas procedente de Alemaña que se logrou no pasado 2018, superando por primeira vez os 25.000.

Nos tres primeiros días, o acceso á feira está permitido só para os profesionais: axentes de viaxes, turoperadores, prensa, organizadores de congresos… Durante estes tres días, o persoal técnico de Turismo de Santiago manterá unha apretada axenda de reunións con distintos profesionais interesados na cidade e no Camiño de Santiago.

Os dous últimos días da ITB diríxense ao público xeral. Neste par de días, no mostrador de Turismo de Santiago poderá comprobarse o interese crecente do público alemán tanto por Santiago como final do Camiño de Santiago, como pola propia cidade concibida como un destino turístico onde se sintetizan cultura, historia, patrimonio, gastronomía e natureza.

Compartir: