ACCIÓN CULTURAL

Redrum Teatro estrea "Idiota" no Teatro Principal

05/03/2019 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá a estrea absoluta de Idiota, de Redrum Teatro, acompañada do director do espectáculo, Álex Sampayo, e dos seus dous protagonistas: Machi Salgado e Susana Sampedro. A estrea será este mércores 6 de marzo, no Teatro Principal, ás 20:30 h, e repetirase función o xoves 7 á mesma hora. Inicialmente estaba prevista tamén unha función o venres 8 de marzo, pero a compañía decidiu cancelala para secundar a Folga de Mulleres prevista para ese día.

Idiota é unha comedia negra escrita polo dramaturgo catalán Jordi Casanovas, que trata sobre a presión e a inxustiza que, na actualidade, exerce o sistema político e económico sobre os individuos. Está protagonizada polos actores Machi Salgado e Susana Sampedro, caras ben recoñecibles polo público galego polos seus traballos en teatro e tamén en series de televisión como Fariña, Dalia a modista ou El faro.

Unha mañá, Carlos Varela, por fin cre que a súa sorte mudou: un anuncio ofrece unha chea de cartos a cambio de someterse a unha serie de probas psicolóxicas. Recíbeo unha atractiva doutora de orixe alemá. Comezan as preguntas e comeza a comedia… Unha comedia que non tarda en ennegrecerse atrapando o protagonista e o público nunha perversa tea de araña.

A dirección vai a cargo de Alex Sampayo, director tamén coñecido polo seu traballo no sector audiovisual, no que dirixiu series como El internado, Padre Casares ou a premiada longametraxe Schimbare, protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.

Redrum Teatro é unha compañía fundada no 2009 que xa levou aos escenarios a obra de suspense A pensión, protagonizada por Rosa Álvarez; os espectáculos familiares Moito conto, Roedores, A nena que quería navegar e Contos do recreo; as comedias Curriculum vitae, Amor flexible e Noiteboa; así como os dramas A canción do elefante e Invisibles.

#posfuncion tras a representación do xoves 7
O Club C! é unha proposta de actividades para se achegar de xeito diverso aos contidos das actividades culturais compostelá. Comprende actividades que buscan coñecer mellor as propostas artísticas que nos ofrece a programación cultural municipal e deste xeito afondar na experiencia como espectadores culturais Dentro destas propostas está a #posfunción, na que os/as convidados/as, persoas con relación coas temáticas tratadas nas pezas, ofrecen o punto de vista práctico, son as que contrastan o que a obra conta, o que "quere dicir", con como se vive dende a realidade do presente esas mesmas situacións. A partir de aí, o debate está aberto ao público asistente e aos elencos artísticos. A #posfuncion de "Idiota" celebrarase ao remate da representación do día 7.

Direccións relacionadas



Compartir: