ALCALDÍA

O Concello de Santiago recorre a sentenza que lle outorga á familia Franco a propiedade das estatuas do Mestre Mateo

04/03/2019 O Goberno local vén de recorrer hoxe, ante a Audiencia Provincial de Madrid, a sentenza que lle outorga á familia Franco a propiedade das estatuas do Mestre Mateo que o Concello acreditou ter comprado ao Conde de Ximonde no ano 1947. O recurso de apelación fai unha crítica a tres dos argumentos da sentenza de primeira instancia: o que sinalaba que non quedara demostrada a entrega das estatuas ao Concello, o relacionado á identificación das pezas, e o que apela ao usucapión para determinar que as figuras pertencen aos Franco polo tempo transcorrido desde que están na súa posesión.

Na súa sentenza, a titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 41 de Madrid sinalaba que non había testemuños directos de que se producira a entrega efectiva das estatuas do Mestre Mateo ao Concello, nin fotografías das pezas dentro do Pazo de Raxoi. No recurso lémbrase que "no expediente público que precedeu á escritura de compra-venda das figuras figuran uns informes asinados por Manuel Chamoso Lamas e Francisco Asorey, que asesoraran ao Concello na operación, que sinalan que o exame das esculturas se realiza na propia casa consistorial". Ademais, no xornal La Noche do 30 de xaneiro de 1948 aparece unha pequena referencia a que "na véspera se producira a entrada das dúas esculturas do Mestre Mateo no Pazo de Raxoi, xunto cunha terceira peza de menor valor que tamén formara parte da adquisición ao Conde de Ximonde". Esa escultura, ademais, segue aínda en posesión do Concello, "polo que se pode deducir que as tres pezas foron entregadas ao mesmo tempo"

Sobre a identificación das esculturas
En canto á identificación das estatuas como as obras do Mestre Mateo adquiridas polo Concello, que a xuíza de primeira instancia pon en dúbida, o Concello reitera no recurso que existe diferente documentación que o avala: o informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para a declaración das pezas como Ben de Interese Cultural, o informe do historiador Ramón Yzquierdo Perrín, e mesmo o catálogo da exposición organizada conxuntamente pola Fundación Catedral, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Museo do Prado, na que se puideron ver as dúas figuras, xunto coas outras sete que formaron parte do Pórtico da Gloria.

Ademais, o recurso incide no erro que supón que a xuíza alegue que un estudo de Fermín Bouza Brey de 1933 sinalaba que unha das figuras estaba fendida e estas non o estean, cando unha simple fotografía permite ver a fractura nunha das dúas pezas tal e como a describía Bouza Brey: a media perna e en diagonal.

Sobre a figura do usucapión
O terceiro argumento da xuíza ten que ver coa figura do usucapión, pola cal a familia de Franco tería dereito á propiedade das estatuas polo tempo transcorrido dende que están no seu poder. Na sentenza sinálase que as pezas non formarían parte do patrimonio artístico porque non se demostrou que estaban no Pazo de Raxoi, e porque a súa declaración como Bens de Interese Cultural empezouse a tramitar despois da súa posesión por parte dos Franco. O recurso insiste en que a xurisprudencia establecida polo Tribunal Supremo sinala que con independencia da súa catalogación, os bens integrantes do Patrimonio histórico artístico nacional son imprescritibles e inalienables, é dicir, non se poden comprar nin vender nin se poden posuír por particulares a efectos de adquisición da propiedade.

Compartir: