FESTAS

O desfile do Meco e o pregón de Manuel Jabois abriron o Entroido 2019

02/03/2019 O Meco preside xa dende o Pazo de Bendaña o Entroido compostelán, que se prolongará ata o mércores 6 de marzo. A carón do boneco, Manuel Jabois foi o encargado nesta edición de dar o pregón co que se abriu esta celebración festiva.

O Meco chegou ata a praza do Toural tras un desfile que arrincara na praza de Cervantes, pasando polas rúas Nova e do Vilar. No seu percorrido estivo acompañado polas comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño. Despois da subida do boneco ao Pazo de Bendaña, Manuel Jabois pronunciou o seu pregón, dando paso logo a un espectáculo de patinaxe sobre zancos a cargo de Tchyminigagua (Colombia).

Domingo
Os Conformistas de Conxo, desta vez acompañados pola charanga Os Atrevidos, abriran a xornada do domingo a partir das 10:30 con animación de rúa. Farán o seguinte percorrido: Centro de maiores de Conxo, Sanatorio psiquiatrico de Conxo, Sanchez Freire, Garcia Prieto, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Xeneral Pardiñas, Alameda, praza do Toural, rúa Nova, Praterías, rúa do Vilar Franco e Raíña.

A xornada de mañá completaraa a Banda Municipal de Música, en colaboración con Amigos da Ópera de Santiago, nun concerto denominado Compostela Lírica. Será ás 12:00 horas no Teatro Principal

Xa pola tarde, festival infantil de disfraces na Sala Capitol a partir das 17:00 horas, coa animación a cargo de A Run Run, co seu espectáculo Déixalle ao Dillei.

Compartir: