ALCALDÍA E TURISMO

O aeroporto Rosalía de Castro estrea oficina de turismo compartida polo Concello e a Xunta

01/03/2019 O aeroporto Rosalía de Castro-Lavacolla estrea hoxe unha nova oficina de información turística, froito da colaboración entre o Concello de Santiago, a Consellería de Cultura e Turismo, AENA e o Ministerio de Fomento. Trátase dunha instalación que estará atendida por persoal de Turismo de Santiago e que "será a mellor carta de presentación da nosa cidade e do noso país para os milleiros de persoas que chegan a Galicia a través do aeroporto compostelán", en palabras do alcalde, Martiño Noriega.

O rexedor compostelán participou no acto de presentación da nova oficina xunto co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; o director do aeroporto, Ricardo López; e o arquitecto que deseñou o espazo, Óscar López Alba. O alcalde salientou "a colaboración institucional que fixo posible termos esta infraestrutura compartida entre institucións, que será a mellor carta de presentación para todas as persoas que chegan a Galicia a través do aeroporto". Nesa liña, Martiño Noriega lembrou que "o aeroporto Rosalía de Castro vén dun ano no que superou os 2,7 millóns de pasaxeiros e pasaxeiras, e todos os indicadores apuntan a que os tres millóns poderían acadarse este ano, dada conta dos reforzos que están a anunciar compañías como Ryanair, Vueling, Iberia Express ou Lufthansa".

Colaboración institucional
Tamén o conselleiro de Cultura e Turismo se felicitou pola apertura da oficina, que "demostra os bos resultados da colaboración entre administracións". Román Rodríguez incidiu en que "esta oficina de turismo non é só de Santiago, é do conxunto de Galicia, porque este aeroporto é a porta de entrada de máis do 50% dos turistas que chegan á nosa comunidade".

Pola súa banda, o director do aeroporto, Ricardo López, explicou que "a oficina foi situada nun lugar privilexiado da terminal, polo que pasan todos os pasaxeiros e pasaxeiras que chegan a Santiago, e que van ver sensiblemente mellorada a información e o servizo que se lle presta". Ademais, salientou que "esta instalación complementa a zona de servizos aos peregrinos que se está preparando na área de facturación".

A oficina de turismo foi deseñada polo arquitecto Óscar López Alba, que concibiu un espazo aberto, rodeado polas siluetas de monumentos recoñecibles de Galicia como a Catedral de Santiago, a muralla de Lugo, a torre de Hércules ou mesmo o hórreo de Carnota. As instalacións teñen unha superficie de 100 metros cadrados e o seu orzamento foi de 150.000 euros.

Tras a presentación da oficina de Turismo, o alcalde, Martiño Noriega; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; e o director do aeroporto, Ricardo López; posaron para os medios coas camisetas que levan a mesma imaxe de Rosalía de Castro que será empregada no aeroporto de Santiago.

Compartir: