PERSOAL

O Concello de Santiago convoca 18 novas prazas de Policía Local

28/02/2019 A edila de Economía e Facenda, María Rozas, deu conta hoxe dos detalles da nova convocatoria de persoal que pon en marcha o Concello de Santiago pola que convoca 18 novas prazas de Policía Local. Tal e como explicou Rozas, "trátase de dar resposta á posibilidade de xubilación anticipada para os policías locais aprobada no BOE o 15 de decembro".

A oferta de emprego, que incorpora 12 prazas de policía local por oposición libre, 4 prazas de oficial, 1 praza de inspector e 1 praza de inspector principal, pasou pola mesa de negociación o pasado mércores e "foi aprobada por unanimidade de todas as centrais sindicais (CIG, UXT, CCOO, SSPME e CSIF)".

As prazas de categoría superior, é dicir, de oficial, inspector e inspector principal, serán cubertas a través da promoción interna e 2 delas son prazas reservadas a mobilidade entre administracións. Con esta proposta, sinalou María Rozas, "queremos seguir cubrindo prazas nun corpo que hai 10 anos tiña 173 efectivos e que, a día de hoxe, conta con tan só 133. Por iso, pola nosa parte, intentamos darlle prioridade e axilizar sempre as ofertas de emprego da policía local dada a situación na que se atopa".

Tal e como explicou a concelleira, "esta merma ten dúas vertentes, por unha banda a perda de 25 prazas durante o período 2007-2011 ao deixarse caducar as ofertas de emprego por decisión municipal e, a partir de 2012, coa implantación da Lei Montoro e a taxa de reposición 0, que provocou a perda doutros 10 policías máis".

María Rozas lembrou que a estas prazas que se aprobaron hoxe hai que sumarlle "a incorporación de 7 policías das oposicións que realizamos o ano pasado e que tomarán posesión tras pasar polo curso de formación da academia de policía".

Compartir: