ESPAZOS CIDADÁNS

Clara Campoamor terá tres carrís e regulará o acceso á estación de autobuses mediante semáforos

27/02/2019 O viario Clara Campoamor terá finalmente tres carrís, un en cada sentido de circulación e un central que terá un dobre uso: carril de incorporación e saída dos autobuses no ámbito da futura estación, e carril adicional de circulación nos accesos ás rotondas do Restollal e de Sar. A regulación dos accesos e saídas á estación farase mediante semáforos, como recomendan os informes técnicos, e o viario terá carril bici nas dúas marxes.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presentou hoxe o proxecto definitivo de reforma do viario Clara Campoamor, que previsiblemente será aprobado o venres pola Xunta de Goberno. Jorge Duarte explicou que o obxectivo do Goberno "é iniciar a licitación no prazo dun mes, para que as obras poidan comezar no próximo verán". Deste xeito, incidiu o edil, "cumpriranse os prazos previstos, porque a plataforma de acceso á estación de autobuses non estará rematada ata agosto de 2020". As obras dos accesos terán un prazo de execución de 5 meses e o investimento previsto é de 1,6 millóns de euros, IVE incluído. A actuación será financiada con fondos europeos vinculados ao programa ReVive-Edusi Santiago.

Proxecto
Jorge Duarte explicou que no proxecto téñense en conta dous factores: que é preciso priorizar o funcionamento dos autobuses e facilitar o seu acceso e saída á estación con carrís de incorporación e con ciclo semafórico axeitado; e que máis do 65% dos accesos á estación son camiñando, "polo que se lle dá un tratamento e unha dimensión máis axeitada ás beirarrúas". Polo mesmo motivo, tamén se incorporou ao proxecto "unha plataforma elevada, similar á que funciona en Montero Ríos ou á que propón á Xunta no seu proxecto de acondicionamento da entrada dos Camiños de Santiago, para darlle continuidade á praza pública que se creará nos accesos á plataforma da estación, que estará regulada con balizas semafóricas e que axudará a conectar a estación coas Brañas de Sar".

Estudos de tráfico
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade lembrou que o viario Clara Campoamor "foi concibido con dous carrís de circulación con bandas de aparcamento a cada lado, e só pasou a ter catro carrís durante as obras do túnel do Hórreo". Jorge Duarte apuntou que "cando se empezou a falar do deseño dos accesos á intermodal, os estudos previos da Xunta do ano 2015 definiron un viario con dous carrís por cada sentido de circulación e unha gran rotonda para dar acceso á estación". Despois desa data, a empresa de enxeñería contratada pola Consellería de Infraestruturas, IDOM, realizou estudos de tráfico que concluíron que "era preferible regular o acceso á estación con semáforos para evitar os atrasos e as longas colas de autobuses, e que era operativo un viario con dous carrís de circulación, modelo que só ocasionaría retencións no acceso á rotonda do Restollal dende Clara Campoamor".

Atendendo a este informe, segundo relatou Duarte, "a Xunta presentou en marzo de 2017 o proxecto integrado da estación, realizado por IDOM, no que se contempla xa unha solución cun carril en cada dirección e regulación mediante semáforos". Agora, o Concello no marco das súas competencias, atende tamén á recomendación relativa aos accesos á rotonda do Restollal, que "no proxecto definitivo que presentamos hoxe, elaborado por Proyfe, terá dobre carril de circulación". O edil incidiu en que "esta proposta cadra coas recomendacións da empresa de enxeñería relativa á redución do tráfico polo Restollal e Clara Campoamor para potenciar o uso do periférico e do túnel do Hórreo, un gran investimento de fondos públicos que está a ser infrautilizado".

En canto á circulación de autobuses, Duarte explicou que "os datos actualizados, tendo en conta o Plan de Transportes da Xunta que entrará en vigor a finais de ano, son os que din que na estación entrarán e sairán 430 autobuses diarios, "de xeito que estimamos que se producirán 20 entradas ou saídas por hora, o que significa que a interrupción semafórica será cada tres minutos, unha cadencia normal en calquera rúa". Ademais, sinalou que "os autobuses metropolitanos que actualmente paran na rúa da Rosa, pararán agora na parte superior da rúa do Hórreo, uns 230 diarios aproximadamente". Deste xeito, "atenderase unha vella demanda da veciñanza da Rosa, que leva anos mostrando o seu malestar polo ruído e o excesivo tráfico provocado por esa parada".

Modificacións na rúa do Hórreo
Jorge Duarte mostrouse convencido de que non haberá problemas de tráfico na rúa do Hórreo e reiterou que "o túnel construído a comezos da década debe ter un maior uso, porque evita o tráfico en superficie e porque é máis rápido". O concelleiro explicou que nas últimas semanas mantivo reunións co Ministerio de Fomento nas que, entre outras medidas, "se acordou permitir o acceso a Sar dende o Hórreo, que agora está prohibido e que con este cambio motivaría a súa maior utilización.

Compartir: