MEDIO AMBIENTE

O Concello lidera un proxecto innovador para a redución de emisións contaminantes no que colaboran Televés e a USC

26/02/2019 Converter Santiago nunha cidade máis verde, nun proceso tecnolóxico que estea liderado pola propia cidadanía. Ese é o obxectivo de GREeNs, un proxecto que o Concello vén de presentar á última convocatoria europea de Accións Urbanas Innovadoras en colaboración coa Universidade de Santiago e con empresas vinculadas con Compostela como Galuresa ou Televés.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou hoxe o proxecto GREeNs nunha rolda de prensa na que tamén participaron o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri, e o director de I+D de Televés, Sebastián Pantoja. O concelleiro explicou que "GREeNs é un proxecto innovador que pretende reducir a pegada dos gases de efecto invernadoiro e mellorar o espazo público na cidade, mudando os comportamentos da cidadanía en materia de mobilidade e de consumo de enerxía e dándolle un novo uso aos edificios residenciais".

Xan Duro incidiu en que, segundo o inventario de emisións do Plan de Acción de Enerxía Sustentable e clima de 2017, "o nivel de emisións de CO2 en Santiago está por riba da media española en canto a toneladas por habitante e ano, con 6,2 en Compostela fronte ás 3,8 toneladas de CO2 por habitante é ano da media estatal". Segundo apuntou, o mal dato ten que ver con dous factores: "que máis de 35.000 vehículos entran ou cruzan a diario a cidade, e que máis do 50% dos edificios certificados en enerxía están clasificados como "E", e o 23 por cento son "F" ou "G", isto é, os tres graos máis altamente contaminantes". Malia a iso, Santiago carece dunha rede de monitoreo axeitada para obter unha imaxe precisa dos niveis de contaminación do aire.

Facerlle fronte a esas tres circunstancias é o obxectivo do proxecto GREeNs, que contempla a posta en marcha dun proxecto piloto en vinte edificios residenciais da cidade nos que se despregará a tecnoloxía que permita instalar sistemas de monitoreo de consumo de enerxía para promover o comportamento ecolóxico e o aforro enerxético das persoas residentes; a instalación dun sistema xestionado por Tussa que permita que as persoas propietarias aluguen as súas prazas de estacionamento privado polo tempo no que elas non as usen e compensando así a desaparición de prazas en superficie; e a instalación dun sistema de monitoreo da calidade do aire para poder facer unha avaliación precisa dos resultados do proxecto.

Todos estes compoñentes habilitaranse mediante unha solución tecnolóxica que se complementará cun sistema de recompensas para animar á veciñanza a ter comportamentos máis sustentables, seguindo o modelo doutras iniciativas similares que acadaron un notable éxito como a Tropa Verde.

Implicación do tecido empresarial e da Universidade
O proxecto GREeNs está inspirado en propostas similares que se veñen desenvolvendo en cidades de todo o mundo como Seattle, pero tamén en municipios do Estado como Rivas Vaciamadrid, Barcelona ou Avilés. O edil de Medio Ambiente apuntou que "o Concello xa vén mantendo xuntanzas coas comunidades de propietarios de edificios que poderían participar no proxecto piloto, e a resposta inicial foi positiva, tanto no relacionado coa instalación dos diferentes elementos de monitorización como en relación ao alugueiro de prazas de estacionamento".

Xan Duro incidiu en que o proxecto GREeNs vén implicando dende os seus inicios ao tecido empresarial de Compostela. É o caso de Televés, principal socio do proxecto e empresa involucrada na iniciativa desde as súas orixes como principal asesor tecnolóxico a partir do seu enfoque estratéxico das cidades intelixentes para mellorar a calidade de vida das persoas. A empresa participará na definición e implementación do modelo GREeNs, habilitará os edificios dixitais centrándose en cubrir as necesidades de comunicación e a medición efectiva da pegada de carbono e apoiará o proceso que asegure que o modelo é compatible con outras rexións, servizos e mercados.

O director de I+D de Televés mostrou a satisfacción da empresa por "poder traballar co Concello nun proxecto que vai ter efectos directos sobre a vida da xente". Sebastián Pantoja tamén apuntou que "dende o punto de vista do negocio, para Televés é importante afondar no concepto da Pasarela de Edificio, que converte os fogares nos centros neurálxicos das cidades, que facilitan os datos precisos para melloralas".

En canto á Universidade de Santiago, o vicerreitor de Innovación explicou que a colaboración co proxecto "canalizarase fundamentalmente a través do CiTIUS e de Uninova, o primeiro facendo o tratamento dixital da información sobre consumo de enerxía e calidade do aire que se vai recabar na monitorización dos edificios, e Uninova favorecendo a xeración de start ups e empresas ao abeiro deste proxecto e, polo tanto, implicando nel ao tecido emprendedor de Compostela". Vicente Pérez Muñuzuri salientou que "o Concello está a liderar un proxecto pioneiro, e a USC non podía senón colaborar con el porque se perseguen obxectivos compartidos como son a redución de emisións, o desenvolvemento sostible e o pulo á economía circular".

Prazos e orzamento
De ser seleccionado, o proxecto GREeNS desenvolveríase nun prazo de tres anos, dende setembro de 2019 ata setembro de 2022. O proxecto ten un orzamento total de 4,5 millóns de euros, dos que 3,6 millóns de euros, o 80%, procederían da achega europea. O Concello de Santiago financiaría case 320.000 euros, e Televés sería o partner principal cunha achega de 228.000 euros. A Universidade de Santiago financiaría preto de 170.000 euros, e o resto correría a cargo doutros socios como Galuresa, EcoMT ou COAFGA.

Compartir: