ALCALDÍA

Satisfacción no Concello tras confirmarse que Santiago terá un novo xulgado do Social

26/02/2019 O alcalde de Santiago expresou hoxe a súa satisfacción "do conxunto da Corporación municipal, tras coñecerse que finalmente o Goberno do Estado dotará a Santiago dun novo xulgado do Social, en contra do que se tiña anunciado a semana pasada". Martiño Noriega mostrouse convencido de que "o cambio de criterio do Ministerio de Xustiza ten que ver coa resposta unánime da cidade diante dunha decisión que resultaba inexplicable".

Días despois de que o Ministerio de Xustiza negara a creación da cuarta sala do Social en Santiago, o delegado do Goberno en Galicia confirmou hoxe que finalmente sí se atenderá a demanda realizada pola Comisión Mixta de Xustiza, que integran a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O alcalde, que mantivo unha conversa telefónica esta mañá con Javier Losada, insistiu en que "non se entendía que o Ministerio desoíra a petición deste órgano, que se baseaba na carga de traballo que soportan os xulgados do Social de Santiago, con casos que acumulan atrasos de ata tres anos".

O anuncio do Delegado do Goberno producíase horas despois de que o alcalde e os voceiros dos catro grupos municipais se reuniran co decano do Colexio de Abogados de Santiago, Francisco Rabuñal; o decano do Colexio de Procuradores, Fernando González-Concheiro, e o decano da Facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte, para "mostrar a fronte común que existe na cidade para reclamar que o Ministerio de Xustiza recapacitase e dera luz verde á creación do xulgado do Social".

A xuntanza fora convocada despois de que o Pleno da Corporación aprobara o pasado xoves unha declaración institucional para reclamar a creación do xulgado, e que o alcalde reiterara a mesma petición nunha carta dirixida á ministra de Xustiza, Dolores Delgado.

Compartir: