IGUALDADE

Punto de encontro feminista, campaña de corresponsabilidade e conversas na Xohana Torres protagonizan as accións do 8-M

25/02/2019 O Concello de Santiago aposta de novo por conmemorar de maneira activa o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, cunha programación completa e diversa que se estenderá durante todo o mes de marzo. A concelleira de Igualdade, Marta Lois, deu conta dos detalles destas accións nunha rolda de prensa.

"Paramos só para coller impulso" é o gran lema para este 2019 e protagoniza a imaxe central da campaña. A concelleira explicou que "este ano, a programación do 8 de marzo inclúe unha parte de sensibilización, cunha campaña de corresponsabilidade que se desenvolverá nos centros cívicos e nos centros educativos, así como un punto de información instalado na praza Roxa e que poderá ser usado polos colectivos feministas". Para dito punto informativo recupérase o triángulo negro instalado no Obradoiro durante a campaña do 25-N e "servirá para reflexionar e debater sobre as violencias machistas e as desigualdades de xénero".

Conferencias e conversas
Entre as accións a desenvolver destaca a conferencia que impartirá a feminista e emprendedora social francesa Aurelie Salvaire e que leva por nome "Mulleres con talento transformando o mundo". Será o mércores 6 de marzo, ás 19:00 horas, no Auditorio Abanca, e estará acompañada doutras mulleres referentes nos seus campos. Aurelie Salvaire dará tamén un obradoiro de empoderamento no Cersia o xoves 7 de marzo, entre as 11:30 e as 13:30 horas.

A isto súmaselle o ciclo de conversas na Xohana Torres que comezarán o xoves día 7 coa mesa redonda "Pensar o amor no século XXI" e na que participarán as autoras do libro Ám@me, Chis Oliveira e Amada Traba. O venres 15 de marzo proxectarase o documental Concha Castroviejo: arelas de liberdade, coa intervención de Aurora Marco, escritora e profesora xubilada da USC, e Nanina Santos, da equipa de redacción de Andaina. Revista Galega de Pensamento Feminista e sobriña de Concha Castroviejo.

As conversas continúan o venres 22 de marzo coa presentación do libro Feminicidio, coa presenza da autora e catedrática de filosofía, Carme Adán. O venres 29 de marzo contaremos coa presenza da escritora, formadora, activista LGTB e feminista, Brigitte Vasallo.

Este ciclo remata o 5 de abril coa mesa redonda "Sufrajitsu. A autodefensa na historia do movemento feminista", que contará coa participación de Antía Pérez Caramés, profesora na Facultade de Socioloxía da UDC, e de Cristina López Villar, profesora na Facultade de Ciencias do Deporte da UDC.

Outras actividades
As accións do Día Internacional das Mulleres inclúen tamén música, co concerto "Entre coplas e alalás", con Martirio, Uxía, Carmen París e Ugía Pedreira, que se celebrará no Auditorio de Galicia o sábado 9 de marzo ás 20:30 horas.

Tamén destaca a campaña de sensibilización nos autobuses urbanos de Compostela que comezará o 15 de marzo e que consistirá na colocación duns vinilos nos 50 autobuses urbanos nos que se informará a usuarios e usuarias sobre como actuar ante unha agresión machista.

Documentos relacionados



Compartir: