ACCIÓN CULTURAL

Producións Teatrais Excéntricas estrea "Carpe Diem" no Teatro Principal

25/02/2019 Produccións Teatrais Excéntricas celebra o seu 15 aniversario poñendo sobre as táboas Carpe Diem, un texto de Rubem Fonseca que dirixirá, como é habitual na compañía, Quico Cadaval. Protagonizado por María Costas, Marcos Vieitez, Víctor Mosqueira e Mon Orencio, estrearase este mércores, 27 de febreiro, no Teatro Principal, dentro da programación de Compostela Cultura Artes Escénicas e da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic. Foi presentado esta mañá polo propio Cadaval e o elenco ao completo, xunto á tenente de alcalde, María Rozas, e o director de Agadic, Jacobo Sutil.

Tras a estrea, poderá verse de novo o xoves 28 de febreiro e o venres 1 de marzo, ás 20:30 horas. Ademais, ao remate da representación do día 27, teremos unha #posfuncion, actividade do Club C! mediante a cal, unha vez cae o pano, os e as convidadas, persoas con relación coas temáticas tratadas na peza ofrecerán o punto de vista práctico, o que "quere dicir" a obra. Tras iso, o debate estará aberto ao público asistente e ao elenco.

As entradas para os tres días poden mercarse en compostelacultura.gal ou no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 h). O prezo é de 12 euros (6 para os colectivos habituais).

Un excitante conto convertido en teatro
Carpe Diem é a atrevida tentativa de converter en teatro un dos mais excitantes contos do maior autor vivo na nosa lingua: Rubem Fonseca.

A anécdota é cinematográfica: Unha muller e un home coñécense nunha previsible festa de fin de ano e comezan unha relación ilícita: os dous son casados. Con outras persoas. Un caso de adulterio entre persoas da clase alta. A rutina dos amantes consiste en cinema de barrio e motel barato, moi lonxe do seu ambiente É unha aventura imaxinaria nun motel co ar condicionado avariado. Entre a fantasía do cinema e as obrigas conxugais desenvólvese este drama escaldante. En palco aparecerán o autor, manipulando as súas pequenas criaturas como se fosen ratos de laboratorio, os dous amantes e un músico, ennobrecendo con aveludadas melodías o frívolo affaire. Todos estes asuntos acaban por confluír nun crime. Por causa da moi daniña influencia do cinema. Porque do que se come, críase.

Rubem Fonseca, o maior escritor vivo da lingua portuguesa, estendeu o seu talento sobre un xénero considerado literatura de consumo: o policial. Linguaxe explícito, violencia, enigma e cinismo son algúns dos elementos que nos excitan e nos desafían dende a obra deste Prémio Camões. Obras como Buffo e Spalanzani, Feliz ano novo, Pequenas criaturas, A coleira do cão, Bastas emoçoes pensamentos imperfeitos ou A grande arte deitan unha visión distante e impiedosa sobre a condición humana. Ten sido adaptado ao cinema en moitas ocasións e, en menor medida, ao teatro. Esta é a primeira vez que vai ser representado na Galiza, e que nos saibamos, en Portugal.

Compartir: