EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Aberta ata o 15 de marzo a inscrición no programa "Aula de Patrimonio"

25/02/2019 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España convoca a sexta edición do programa pedagóxico Aula de Patrimonio, no marco do curso escolar 2018-2019, destinado a estudantes das 15 cidades integrantes da rede: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda

O obxectivo de Aula de Patrimonio, que nas súas edicións anteriores contou coa participación de preto de 8.000 alumnos/as, é o que os mozos e mozas que viven e estudan nas Cidades Patrimonio realicen actividades de investigación e difusión ao redor dos valores que fixeron que estas 15 localidades merezan estar inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Os destinatarios do programa son grupos de escolares de centros educativos de 5º e 6º de Primaria públicos e concertados das 15 cidades que forman o Grupo Cidades Patrimonio, que deberán presentar un proxecto centrado nas boas prácticas sobre conservación e difusión do Patrimonio Mundial de calquera das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España (como cren que deben coidarse e protexerse e de que modo darían a coñecer os bens Patrimonio Mundial).

O formato do traballo é libre, valorándose a orixinalidade da proposta, e deben achegarse polo centro interesado en participar ao cumprimentar e enviar o formulario de inscrición.

As solicitudes de participación de todos os centros que desexen participar xestionaranse exclusivamente a través do formulario aloxado na páxina web do Grupo, www.ciudadespatrimonio.org, e deberán enviarse antes do 15 de marzo de 2019.

Xurado e premios
Unha vez pechado o prazo de recepción de traballos, cada cidade seleccionará, de entre as propostas enviadas polos seus centros, a un gañador local. A Comisión de Educación e Cultura do Grupo seleccionará posteriormente, de entre os gañadores locais das 15 cidades, n único gañador absoluto nacional. O fallo farase público mediante nota de prensa e a través das redes sociais do Grupo antes do 1 de maio de 2019.

Cada un dos centros seleccionados polas cidades para optar ao premio nacional obterá como premio un vale trocable por material inventariable tecnolóxico, por valor de 1.000 euros IVE incluído.

O centro gañador do certame nacional obterá como premio unha viaxe para a os alumnos da clase autora do traballo a unha das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade.

A viaxe (tres días e dúas pernoitas) do centro gañador realizarase entre semana e no último trimestre do curso escolar. Os gastos da viaxe do grupo (transporte, aloxamento e manutención) á cidade seleccionada correrán por conta do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Direccións relacionadas



Compartir: