ALCALDÍA

O alcalde reclámalle á ministra de Xustiza que "reconsidere a decisión de deixar a Santiago sen novo xulgado do Social"

22/02/2019 O alcalde de Santiago vén de remitirlle hoxe unha carta á ministra de Xustiza, Dolores Delgado, para transmitirlle o seu malestar despois de que o Ministerio volvera denegar a creación en Santiago dun novo xulgado do Social. Na misiva, Martiño Noriega tamén reclama que se reconsidere e se revogue esa decisión.

O alcalde recoñeceu hoxe "o malestar e a sorpresa do Goberno local, despois de que o Ministerio de Xustiza negara unha petición da Xunta e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que está máis que xustificada polo volume de casos que se ven en Compostela". Martiño Noriega lembrou que as tres salas do Social da capital galega "non abondan, e non hai mellor mostra que o feito de que acumulen expedientes con atrasos de ata tres anos".

O alcalde avanzou tamén a súa intención de iniciar contactos coa Xunta de Galicia e co Tribunal Superior de Xustiza de Gailcia, co obxectivo de facer fronte común para demandar a necesaria Sala. Na súa carta, Martiño Noriega tamén lle fixo chegar á ministra de Xustiza a declaración institucional aprobada no Pleno de onte, na que o conxunto da Corporación municipal reclama a creación da nova Sala do Social.

Compartir: