PLENO

Visto bo inicial do Pleno á modificación da Ordenanza da ORA e do guindastre

21/02/2019 O Pleno da Corporación acordou hoxe a aprobación inicial da modificación da Ordenanza do sistema de ordenación e regulación do servizo da ORA e do aparcamento de residentes. Foi cos votos a favor de Compostela Aberta e a abstención dos tres grupos da oposición. As dúas emendas ao texto que foran presentadas polo PP quedaron rexeitadas.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou que a ordenanza en vigor "data do ano 2012 e precisaba ser actualizada, para adecuarse ás novas realidades e tendo en conta a municipalización do servizo hai seis meses". O edil explicou que entre as novidades da ordenanza figuran "a posibilidade de que as persoas con mobilidade reducida aparquen de forma gratuíta en calquera praza da zona ORA, ao igual que os vehículos eléctricos".

A modificación da ordenanza tamén "redefine a figura dos residentes, para que poidan acceder ás tarxetas os veciños e veciños de zonas peonís ou sen prazas de aparcamento, como é o caso da zona histórica". Por último, a ordenanza contempla novas zonas do réxime xeral da ORA nas que a rotación non é obrigada, en rúas que non teñen carácter comercial, e unha nova categoría de aparcamento para estacionamentos de borde, cunha tarifa diaria que se establecerá na ordenanza fiscal correspondente.

Jorge Duarte apuntou que a modificación da ordenanza tamén "clarifica o concepto de residente, tipificando entre as modalidades de residente en ámbito de zona verde, residente por razón de municipio e residente por motivos laborais en zona ORA". Ademais, sinalou que a modificación da ordenanza fiscal correspondente "fixará as contías das tarifas para os estacionamentos de borde, de residentes por razón de municipio ou traballo, e introducirá bonificacións para todos os vehículos matriculados no concello de Santiago, como a posibilidade de que estacionen dúas horas gratuítas mensuais de aparcamento en zona ORA". Tamén se poderán introducir bonificacións nalgúns espazos, como o aparcamento de Conxo.

Modificativos dos orzamentos prorrogados
No Pleno de hoxe tamén quedaron aprobados dous expedientes modificativos dos orzamentos prorrogados de 2018. O primeiro deles supón a modificación do artigo das bases de execución do orzamento municipal de 2018 que contemplaba unha subvención nominativa de 180.000 euros para a Federación Española de Xadrez, para colaborar na organización do Campionato Mundial de Xadrez que se celebrou en Compostela o ano pasado. O segundo expediente ten como obxectivo habilitar crédito para a execución de sentenzas xudiciais, en concreto case 930.000 euros.

Compartir: