ALCALDÍA E OBRAS

As obras do ascensor de Triacastela estarán rematadas en marzo

14/02/2019 As obras de mellora da accesibilidade na rúa de Triacastela afrontan a súa última fase, e o ascensor que conectará os barrios de Fontiñas e San Pedro poderá empezar a funcionar cara finais de marzo. Así se puxo de manifesto esta mañá, durante a visita que realizaron ás obras o alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña. O rexedor manifestou "a satisfacción do Goberno porque por fin se materialice un proxecto polo que a veciñanza da zona levaba máis dunha década agardando".

O Concello está a investir 355.000 euros na actuación de Triacastela, que ten como obxectivo fundamental "mellorar a accesibilidade dunha zona que conta cunha veciñanza bastante envellecida". O concelleiro de Obras, Rafael Peña, lembrou que "os veciños e veciñas de San Pedro utilizan na súa maioría o centro de saúde de Fontiñas, e o tramo de escaleiras que comunicaba os dous barrios ata o de agora era un obstáculo para moitas persoas".

O ascensor que xa está instalado salvará o desnivel de máis de 12 metros entre Triacastela e Concheiros, que ata agora se resolvía cunhas escaleiras de ata 60 chanzos en tres tramos O elevador ten unha capacidade de 16 persoas, e está pensado para ser utilizado tamén por padiolas. O ascensor está aliñado coas edificacións que teñen a súa fronte cara a avenida de Lugo, e na parte superior conéctase con Concheiros a través dunha pasarela acristalada. Durante a visita, os representantes da veciñanza puideron formular as súas dúbidas e demandar algunhas pequenas melloras ao director de obra, que explicou que os traballos tamén permitiron renovar as redes de saneamento, abastecemento e telecomunicacións na rúa de Triacastela.

Compartir: