EMPREGO

Cen mulleres melloran a súa cualificación profesional grazas ao programa de emprego "Santiago E-Com"

07/02/2019 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitou hoxe no Cersia o programa integrado de emprego Santiago E-Com, que se está a desenvolver ata o mes de outubro con 100 mulleres do municipio. Está dirixido á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral a través do desenvolvemento dun itinerario que conterá distintas accións.

As mulleres participantes recibirán información, orientación e asesoramento, ao mesmo tempo que mellorarán as súas habilidades sociolaborais e recibirán formación en novas tecnoloxías e idiomas. O programa inclúe diversos talleres sobre mobilidade laboral que proporcionarán información dos recursos dispoñibles no territorio da Unión Europea.

Realizaranse dous tipos de formación: obradoiros de competencias transversais, tanto informativas como idiomáticas, informáticas e de inserción; e cursos de cualificación profesional centrada nos sectores comerciais, hostaleiros e se servizos turísticos. Neste caso desenvolverase a través dos seguintes itinerarios formativos: marketing e comercio Internacional, recepción en aloxamentos, confección de páxinas web e actividades auxiliares de almacén.

O Programa Integrado de Emprego E-com ten unha clara orientación á igualdade de oportunidades das usuarias, coa inclusión en itinerarios en sectores nos que a muller está subrepresentada.

Igualmente, para facilitar os procesos de ensino-aprendizaxe e a actividade técnica, incorpórase de xeito significativo a utilización das novas tecnoloxías, especialmente mediante a utilización dun aplicativo específico para a xestión das accións recollidas no programa.

Compartir: