POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello recibe 143.778 euros para impulsar programas dirixidos a colectivos en risco de exclusión

03/12/2018 O Concello de Santiago vén de recibir unha subvención de 143.778,72 euros da Consellería de Política Social para o desenvolvemento de programas de inclusión social dirixidos á poboación xitana e outros colectivos en risco de exclusión, así como a menores pertencentes ás familias destinatarias.

Estes programas desenvolveranse ata o 31 de outubro de ano 2019 e o seu desenvolvemento está cofinanciado polo Fondo Social Europeo. O Programa de desenvolvemento integral do colectivo xitano presenta actuacións específicas de inclusión con esta comunidade, vertebradas a partir de tres eixos. Por unha banda, o fomento da participación e a convivencia social (vivenda e saúde), o fomento da calidade dos procesos escolares (educación e acceso a servizos normalizados) e o Fomento da igualdade de oportunidades (participación social, inserción e emprego).

Estes eixos articúlanse en diversos itinerarios de inserción individualizados, elaborados para desenvolver o programa, coa finalidade de promover a inserción social e laboral das persoas beneficiarias. Búscase priorizar as actuacións con aquelas persoas e/ou unidades familiares que presenten maiores carencias sociais e unha maior situación de desigualdade fronte ao conxunto da poboación, fomentando o seu acceso e uso normalizado dos sistemas de benestar social (especialmente vivenda, educación, saúde e servizos e prestacións sociais).

O Programa de desenvolvemento integral do colectivo xitano está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo temático de promoción da igualdade, a saúde e a inclusión social, para promover o desenvolvemento social integral do colectivo xitano a través da intervención social, educativa, e do traballo en rede coas organizacións sociais, co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades como eixe favorecedor de inclusión social, especialmente no relativo á súa inserción social e laboral, desenvolvendo procesos individualizados e integrais de inserción desde unha perspectiva ligada ás potencialidades do territorio e ao seu tecido social e produtivo.

O Programa Local de Inclusión Social de colectivos en risco de exclusión pretende incidir a nivel individual e grupal, en reforzar e fortalecer todos aqueles aspectos que poidan axudar a mellorar á empregabilidade das persoas que acceden a este servizo. Articulase sobre a elaboración de itinerarios integrais de inserción sociolaboral que, tomando como punto de partida a corresponsabilidade dos beneficiarios, contemple o desenvolvemento de estratexias individuais no seu proceso de incorporación ao mercado laboral.

O obxectivo principal do programa é a promoción da inserción social e laboral das persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión, mediante o desenvolvemento de procesos individualizados e integrais de inserción, desde unha perspectiva ligada ás potencialidades do territorio e ao seu tecido social e produtivo

O Programa Local de Inclusión Social de colectivos en risco de exclusión está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo temático de promoción da igualdade, a saúde e a inclusión social, para promover a inserción social e laboral das persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión, acadando una maior visibilización do colectivo a través da súa participación na vida comunitaria, que repercuta no incremento da súa inserción social e laboral.

Por último, o Programa de Inclusión de menores a cargo é concebido como un recurso social de intervención profesional e apoio personalizado que aborda as situacións carenciais que presentan as persoas naqueles hábitos de vida que repercuten negativamente no axeitado desenvolvemento dos menores da unidade familiar. O traballo é desenvolvido con cada unidade familiar, coa finalidade de promover as habilidades e o coidado parental das persoas adultas beneficiarias do Programa. Son destinatarias a pluralidade de unidades familiares en exclusión ou risco de exclusión social, que teñan menores ao seu cargo.

O Programa de Inclusión de menores a cargo está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo temático de promoción da igualdade, a saúde e a inclusión social, para promover a adquisición, por parte das familias, de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas, fomentando a educación en igualdade e a corresponsabilidade, favorecendo a integración, promoción e participación das familias ou unidades de convivencia en todos os ámbitos da vida comunitaria, previndo as situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social ás familias ou unidades de convivencia, ou a algún dos seus membros, con especial atención aos menores de idade, e apoiando ás unidades familiares que, por escaseza de recursos económicos, non poden facer fronte o uso de gastos relacionados cos menores: comedor escolar, material escolar, actividades de ocio e tempo libre...

Compartir: