FACENDA

O Concello conta dende este mércores coa prórroga do orzamento, que alcanza os 92 millóns de euros

03/01/2019 Os centros xestores do Concello de Santiago contan dende onte coas partidas do orzamento prorrogado, que alcanza a 92 millóns de euros. A concelleira María Rozas sinala que "prorrogar o orzamento do ano pasado supón case 20 millóns de euros menos en relación á proposta levada a pleno o pasado sábado, xa que non se poden prorrogar todas as partidas".

A lexislación impide prorrogar todas as partidas, como son os investimentos ou as transferencias de capital, "que resultan fundamentais para desenvolver proxectos de cidade con outras administracións". Tampouco se incorporan neste orzamento prorrogado as partidas de nova creación que viñan recollidas na proposta de 2019.

O orzamento en Educación e Cidadanía redúcese en 900.000 euros, o que supón un 18% menos, mentres que a área de actuacións de protección e promoción social vese reducida en 2.500.000 de euros e a área de emprego diminúe dun 78% pasando de 2.900.000 euros a 623.000 euros. "Neste caso só é posible prorrogar parte dos fondos propios e non aquelas partidas que están vinculados á subvencións e captación de fondos". Tamén se ve minguado o orzamento para o rural, que pasaría de 2.018.000 euros recollidos na proposta de 2019 a 479.000 euros.

María Rozas indicou que "co orzamento prorrogado estamos a falar de case 20 millóns de euros menos para a veciñanza de Compostela, xa que non están incorporados investimos como a reparación dos muros de Fontiñas, a estación intermodal, o equipamento deportivo de Quiroga Palacios ou a rehabilitación dos Camiños de Santiago".

As ferramentas coas que conta o Goberno para aprobar os investimentos son os modificativos de crédito, "procesos administrativos que teñen os seus tempos, que supoñen realizar varios expedientes administrativos e que incrementan o traballo do persoal municipal, retrasando os proxectos". Cada expediente deberá ser aprobado, por maioría simple, no Pleno da Corporación e, tras a súa publicación no BOP, contará cunha exposición ao público de 15 días hábiles para presentar alegacións. De habelas, o expediente debería pasar de novo pola aprobación do Pleno. O Goberno local está analizando que proxectos, dese montante total de 20 millóns, deben priorizarse nos vindeiros meses para cumprir coas obrigas adquiridas con outras administracións, para sacar adiante os proxectos de cidade e para dar solución ás necesidades da veciñanza.

Compartir: