ACCIÓN CULTURAL E CONVIVENCIA

Seis carrozas e 450 figurantes nunha Cabalgata de Reis que será "A viaxe das marabillas"

26/12/2018 Máis de 450 figurantes, 160 deles persoas voluntarias, 25 agrupacións artísticas e seis carrozas formarán parte da Cabalgata de Reis de 2019, que se celebrará baixo o lema "A viaxe das marabillas". A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o edil de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentaron hoxe o desfile, que continúa "coa aposta pola participación cidadá que se ven mantendo nos últimos anos".

"A viaxe das marabillas" é o lema escollido para a Cabalgata de 2019, e por iso os Reis Magos chegarán desta volta acompañados polos personaxes do conto de Lewis Carrol Alicia no país das marabillas: Alicia, o sombreireiro tolo, a raíña de corazóns, o coello... Eles ocuparán unha das seis carrozas do desfile, e as outras cinco estarán reservadas para os tres Reis Magos, o carteiro real e as carboeiras.

Branca Novoneyra explicou que "Melchor, Gaspar e Baltasar irán acompañados de personaxes imprescindibles no desfile, como as estrelas luminosas, os paxes reais, os trasgos diminutos e outros novos como as carboeiras patinadoras, os acróbatas ou os zancudos". A concelleira de Acción Cultural salientou que "na Cabalgata participarán 25 agrupacións artísticas con espectáculos de diferentes temáticas, algúns deles deseñados para a ocasión". Entre as agrupacións estarán escolas de danza como Mandala e Cancunquinqué, a Agrupación Ultreia, a Compañía Teatro Pavana ou a compañía Bambolea. Xunto a elas, do desfile formarán parte 160 persoas voluntarias, que se inscribiron no proceso aberto hai unhas semanas para formar parte dos combos, viaxar nos trens turísticos, ou exercer de paxes reais.

Os Reis Magos chegarán á estación do ferrocarril ás 17:25 h, e está previsto que dúas horas máis tarde, ás 19:30 h, cheguen á praza do Obradoiro, onde serán recibidos polo alcalde e polos membros da Corporación municipal. Despois, Melchor, Gaspar e Baltasar atenderán as peticións das nenas e nenos no Salón Nobre do Pazo de Raxoi. Para amenizar a espera no Obradoiro, e como se vén facendo nos últimos anos, haberá un espectáculo de música, danza e acrobacias aéreas, con Pablo Méndez. Durante o seu percorrido polas rúas de Compostela, os Reis Magos repartirán 2.000 quilos de caramelos sen glute.

Percorrido e seguridade
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que o percorrido da Cabalgata será o habitual nos últimos anos: saída dende a estación do ferrocarril e desfile polas rúas Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez e praza do Obradoiro, a onde está prevista a chegada ás 19:30 horas.

Xan Duro incidiu en que o desfile obrigará ás habituais restricións no tráfico e no estacionamento. Así, a partir das 14:00 horas do 5 de xaneiro quedará prohibido o estacionamento na explanada da estación de ferrocarril e, a partir das 15:00 horas, nas rúas Santiago de Chile (tramo comprendido entre A Rosa e Frei Rosendo Salvado), Frei Rosendo Salvado (tramo entre Santiago de Chile e praza Roxa), República do Salvador e Hórreo (tramo que vai dende República do Salvador ata a praza de Galicia).

O edil explicou que, por segundo ano consecutivo, o Concello pon en marcha a campaña "Por unha cabalgata segura", iniciada o ano pasado para erradicar o uso de sprays de neve e serpentinas "que comprometen a seguridade do desfile porque limitan a visibilidade dos condutores dos vehículos que participan na Cabalgata, fan o chan esvaradío, e causan moitas molestias aos artistas que forman parte do espectáculo". Xan Duro apuntou que o ano pasado "notouse moito o descenso no uso destes elementos, e confiamos en que a veciñanza volva actuar dun xeito responsable este ano".

Festa de Fin de Ano
A concelleira de Acción Cultural aproveitou a rolda de prensa para lembrar que o Concello organiza dúas actividades para celebrar o Fin de Ano na cidade. A primeira é a tradicional festa na praza do Obradoiro, que comezará ás 23:30 horas e que contará coa actuación do grupo gaditano The Agapornis. Trátase dunha formación integrada por nove músicos amantes do funk e o soul, que ten publicados dous álbums: Roll out e Attitude. O Concello repartirá uvas da sorte e cotillón para as primeiras mil persoas que acudan á praza.

Ademais, e como novidade, haberá unha segunda festa a partir das 1:00 horas na praza de Cervantes, a cargo de Dj Mil, que presentará o seu espectáculo Phonorama.

Direccións relacionadas



Compartir: