ALCALDÍA

Inaugurado en Fontiñas o Espazo Educativo e de Lecer "María Miramontes"

22/12/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugurou o Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes. No acto tamén participaron o presidente e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín, respectivamente, así como o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e outros integrantes da Corporación.

No mes de xaneiro, a instalación abrirá de maneira ordinaria cun programa estable de conciliación da vida persoal, familiar e laboral centrado no xogo e nos xoguetes, cun horario habitual de tarde, de luns a venres, de 16:00 a 20:00 horas.

As persoas que visitaron esta mañá o centro tiveron como agasallo unha guía didáctica elaborada por Encarna Otero que leva por nome María Miramontes, unha das defensoras do Estatuto do 36. O texto fai un percorrido pola vida da activista e intelectual galega para achegala a toda a veciñanza.

No acto, que estivo amenizado pola música de Xoán Curiel, o alcalde da cidade sinalou que "detrás disto está o traballo de moitos homes e mulleres, que ten como resultado un equipamento do que poderemos desfrutar todos os veciños e veciñas. Agardo que este sexa un lugar para construír en común, como fixo María Miramontes". Na mesma liña se pronunciou a vicepresidenta da Deputación, que fixo fincapé en "recoñecer a aquelas persoas que traballaron para que fora posible ter hoxe este espazo e visibilizar a mulleres que foron importantísimas para o noso país". Valentín González Formoso indicou que "este proxecto é unha oda ao mellor da humanidade, como é a imaxinación, ese espírito que move o mundo tamén está aquí". Tamén falou o concelleiro responsable da área de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, quen asegurou que "é unha honra poder inaugurar, tras 13 anos, un espazo coma este que servirá para mellorar a conciliación do barrio das Fontiñas e de toda Compostela".

Primeiras actividades
A primeira das actividades que acollerá o Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes será o Círculo Literario, un proxecto innovador que permitirá que os alumnos e alumnas melloren a súa escrita, con catro encontros mensuais con Suso de Toro, que será o encargado da actividade.

Esta acción desenvolverase cun máximo de 20 alumnos e alumnas de primeiro de bacharelato, procedentes de varios institutos da cidade, como os de Pontepedriña, Xelmírez II, Xelmírez I, Rosalía de Castro, Lamas de Abade e Antonio Fraguas. As sesións serán todos os xoves de 16:30 a 18:30 h ata o mes de maio.

Ademais desta actividade están previstas máis iniciativas a desenvolver en colaboración coa Asociación Arela e coa Fundación La Caixa, coas que o Concello xa colaborou no Programa ProInfancia no barrio das Fontiñas; máis concretamente, dous programas, o denominado Quedamos despois de clase, e outro chamado Tes talento.

Compartir: