XUNTA DE GOBERNO

Retómase a urbanización do SUNP-14 de Tras Paxonal

21/12/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a concesión de licenza para preto dun cento de vivendas no SUNP-14 de Tras Paxonal, un solo que empezou a proxectarse hai máis dunha década. O trámite foi posible despois de que o Pleno da Corporación aprobara onte, de maneira definitiva, os estudos de detalle das parcelas afectadas.

A Xunta de Goberno acordou concederlle dúas licenzas á empresa Construcciones Ruafer para a edificación de cadanseu inmoble na rúa Manuel Ceruelo do SUNP-14 de Tras Paxonal. Un deles terá 41 vivendas, e o outro 52. Deste xeito, retómase a urbanización deste solo, no que a desaparecida Emuvissa prevía a construción de máis de 380 vivendas e que quedou paralizado tras o peche da empresa municipal de vivenda

Venda de solo público
Outro dos acordos da Xunta de Goberno de hoxe foi a venda do 20% dunha parcela municipal do SUP-2 do Polígono 2 de Cornes. O solo foi adquirido por Metrovacesa SA, por un prezo que supera o medio millón de euros.

Noutro SUP, no SUP-4, está a parcela municipal que hoxe se cedeu a Tussa para a súa utilización como depósito de vehículos, a longo prazo, retirados polo servizo do guindastre. A parcela sitúase na avenida do Cruceiro da Coruña, e vén sumarse ao espazo reservado para o depósito de vehículos retirados polo guindastre no aparcamento que se está a construír na Sionlla, vinculado a un establecemento comercial e financiado con fondos privados.

Outros acordos
Na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno tamén aprobou os orzamentos municipais de 2019 e o cadro de persoal, que agora deberán ser sometidos ao ditame do Pleno da Corporación, previsiblemente antes de final de ano. Ademais, acordouse garantir ao persoal funcionario e laboral que percibirán a totalidade das súas retribucións ordinarias durante as súas baixas por incapacidade temporal.

Por último, a Xunta de Goberno resolveu a convocatoria das subvencións de cooperación ao desenvolvemento, á que a Concellería de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde destina preto de 120.000 euros. As entidades beneficiarias son a Fundación Vicente Ferrer, Solidariedade Internacional en Galicia, Amigos da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Manos Unidas e Agareso.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: