ALCALDÍA

Bob Dylan ofrecerá un concerto no Multiúsos de Sar o próximo 29 de abril

21/12/2018 Bob Dylan vén de incluír Santiago na xira que fará por oito cidades españolas na próxima primavera. O cantautor máis prestixioso do século XX actuará no Multiúsos de Sar o 29 de abril, dentro do coñecido como Neverending Tour, que arrincou en 1988 e que nunca se detén.

O alcalde, Martiño Noriega, e o xerente do Multiúsos Fontes do Sar, Antón Antelo Lema, anunciaron hoxe o concerto, "que nos permitirá desfrutar de Bob Dylan nun espectáculo íntimo e irrepetible". O rexedor salientou "o luxo de contar en Compostela con este músico, que vén de facer historia gañando o premio Nobel de Literatura", e incidiu en que "con este concerto avanzamos no obxectivo de recuperar o Multiúsos Fontes do Sar para grandes eventos, máis alá dos estritamente deportivos, un camiño que xa encetamos cos concertos de Helloween ou Tribalistas, ou o anunciado espectáculo do Circo do Sol".

Na mesma liña, o xerente do Multiúsos explicou que "o obxectivo do complexo é traer a Santiago artistas internacionais que xeren impacto, non só económico, senón tamén social". Antón Antelo incidiu en que "Bon Dylan é historia viva da música, e a actuación de abril será moi diferente da que xa ofreceu en Santiago en 2004, cun carácter máis intimista e exclusivo"

Oito datas en España
As entradas para o concerto de Bob Dylan en Santiago sairán á venda o próximo 28 de decembro, a partir das 11:00 horas, e en exclusiva a través do portal www.riffmusic.es. O artista chegará ao Multiusos de Sar o 29 de abril, despois de ter pasado por Pamplona, Bilbao e Xixón. A súa xira completarase con outras catro cidades do Estado: Sevilla, Fuengirola, Murcia e Valencia.

O concerto de Santiago encádranse dentro da xira interminable de Bob Dylan, coñecida como Neverending Tour, que comezou en 1988 e na que o cantautor ofrece cerca de cen actuacións por ano, que foron variando segundo as súas propias inquietudes. No último cuarto de século, as súas musas naceron de rastrear a memoria musical norteamericana. Blues pantanoso, blues eléctrico de Chicago, folk, tex-mex, murder ballads, swing... son algúns dos xéneros que foi empastando e dando forma na súa voz de lixa durante todo este tempo. Agora, Bob Dylan está obsesionado co coñecido como Great American Songbook, o Gran Cancioneiro Norteamericano, que mergulla no jazz e o rhythm and blues clásicos, previos á eclosión do rock and roll ao que Dylan dotou de intelecto e impacto social. Coñecidos como "american standards", as composicións deste rico catálogo en branco e negro foron cantadas nos anos 30 e 40 do século pasado por artistas lexendarios como Frank Sinatra, Louis Armstrong, Bing Crosby, Billie Holiday, Glen Miller, Sarah Vaughan, Judy Garland ou Dinah Washington.

No concerto de 2019, Bob Dylan fará unha melancólica reivindicación dun tempo perdido, percorrerá a súa extensa discografía e encherá o Multiúsos Fontes do Sar dalgúns dos seus grandes éxitos, considerados himnos e parte do patrimonio histórico da música.

Compartir: