ACCIÓN CULTURAL

O ciclo "As raíces na pedra" regresa no Nadal con cantos e danzas de Reis

21/12/2018 O ciclo As raíces na pedra, froito da colaboración entre o Concello e catro das agrupacións de baile e música tradicional de Santiago, regresa á programación de Nadal cun programa que mostrará os cantos e as danzas de Reis dende o 23 ata o 30 de decembro. A actividade foi presentada hoxe pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, nunha rolda de prensa na que tamén participaron integrantes de Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Ultreia e Colexiata de Sar.

A concelleira de Acción Cultural lembrou que "As raíces na pedra" naceu co obxectivo de "difundir a nosa cultura tradicional dun xeito lúdico e aberto á participación da cidadanía". Dentro desa cultura tradicional, Branca Novoneyra explicou que "a tradición do Nadal en Galicia pasaba polos cantos de Reis, nos que grupos de nenas e nenos, pero tamén de persoas maiores, percorrían as casas interpretando cantigas e pedindo o aguinaldo". A concelleira incidiu en que "estes cantos son tamén parte do noso patrimonio inmaterial, que é preciso reivindicar, poñer en valor e contribuír a conservar".

O ciclo As raíces na pedra arrincará o próximo domingo 23, ás 12:00 horas, no Centro Cívico de Santa Marta. Alí, o Grupo Brincadeira dirixirá un obradoiro para bailar en familia xogos e bailes da roda. O mesmo día, ás 19:00 horas, o Teatro Principal acollerá unha mostra de ranchos e danzas de Reis, co Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia e coa Agrupación Cantigas e Agarimos.

Xa para o venres 28 de decembro está previsto un obradoiro de danzas de Reis co Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia na praza do Toural. Será ás 17:00 horas, e no caso de chuvia, a actuación adiarase para o 4 de xaneiro. O sábado 29 de decembro, haberá outra actuación conxunta no Teatro Principal, desta vez coa Colexiata de Sar e con Brincadeira.

O ciclo rematará o domingo 30 de decembro cun grande evento no que participarán as catro agrupacións de baile e música tradicional, que percorrerán a cidade cos cantos de Nadal. Cada formación fará un itinerario diferente, encontrándose na praza do Toural para facer a última cantada. Para que o público participe, entregaranse as letras dos cantos durante os percorridos. Haberá dúas quendas desta actividade: ás doce do mediodía e ás seis da tarde.

Exemplo de colaboración
O ciclo As raíces na pedra empezou a súa andaina no verán de 2017, como un xeito novo de fomentar a colaboración entre as catro agrupacións máis emblemáticas de Santiago. Ao tempo, facilítase que as formacións teñan unha maior presenza na programación cultural de Compostela, que ata agora se vía máis limitada ás festas do Apóstolo e da Ascensión.

Compartir: