ACCIÓN CULTURAL

A compañía Tintimán recupera a Procesión da Santa Bolaña coa colaboración do Concello

21/12/2018 A compañía Tintimán Audiovisual, en colaboración co Concello, recupera a Procesión da Santa Bolaña, unha actividade da que se teñen celebradas tres edicións, co obxectivo de "reivindicar a dramaturxia galega e, en particular, a figura de Roberto Vidal Bolaño". O acto desenvolverase o próximo sábado, cun percorrido que comezará en Pelamios para rematar na entrada do Teatro Principal coa lectura dun manifesto teatral.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe a Procesión da Santa Bolaña, un proxecto de Tintimán Audiovisual que conseguiu unha subvención municipal na convocatoria aberta de axudas para profesionais do sector da cultura. Na rolda de prensa tamén participaron a coordinadora artística do acto, Clara Gayo; a produtora executiva, Comba Campoi, e Paco Macías, responsable de Edicións Positivas, que editou un libreto para a ocasión.

A Procesión da Santa Bolaña celebrouse por vez primeira en 2012, coincidindo co anuncio da Real Academia Galega de que o Día das Letras Galegas de 2013 lle sería dedicado ao dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño. A iniciativa discorría polas rúas da cidade histórica, "nun vía crucis dramático en diversas tabernas nas que o público asistente, monitorizado por un grupo de profesionais do teatro, recreaba fragmentos de obras dramáticas galegas", e remataba coa lectura dun manifesto poético e unha foliada. A procesión celebrouse tres anos consecutivos, coa participación de importantes profesionais como Paula Carballeira, Chiqui Pereira, Xesús Ron, Santiago Cortegoso, Carlos Santiago, Marta Pérez, Víctor Mosqueira, Mónica Caamaño, Pepe Sendón, Pancho Lapeña ou Pepe Penabade.

Agora, a produtora Tintimán impulsou a recuperación da Procesión da Santa Bolaña para "reivindicar a dramaturxia galega, co padroado simbólico de Roberto Vidal Bolaño". Faino cun carácter máis profesional e co obxectivo de "converterse nunha auténtica tradición cultural da cidade". A proposta presentouse á convocatoria aberta de subvencións culturais para entidades profesionais da Concellaría de Acción Cultural e recibirá unha axuda de 5.760 euros.

A Procesión da Santa Bolaña partirá ás 17:00 horas de Pelamios, lugar de nacemento de Roberto Vidal Bolaño, e no canto de tabernas como nas edicións anteriores, percorrerá locais ligados á vida cultural compostelá, como o Matadoiro Compostela, a Praza de Abastos ou a Gentalha do Pichel, para rematar no Teatro Principal coa lectura dun manifesto e unha intervención musical. Durante o percorrido haberá unha taberna itinerante, unha banda musical e animadores de rúa, mentres que nas paradas nos locais haberá accións performativas concibidas por dramaturgas e dramaturgos a partir de textos propios ou doutros autores galegos.

Compartir: