POLÍTICAS SOCIAIS E SAÚDE

Un novo informe de Médicos do Mundo alerta das vulneracións na atención sanitaria ás persoas migrantes

21/12/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou hoxe o informe A urxencia dunha sanidade universal. Vulneracións do dereito á saúde en Galicia 2017 – setembro 2018, elaborado por Médicos do Mundo para denunciar as vulneracións na atención sanitaria ás persoas migrantes. Na rolda estivo acompañada de Belén Torrón, Eva Neira e Iria Gippini.

Concha Fernández sinalou que esta presentación "coincide co Día da Atención Universal, que se celebrou o pasado 12 de decembro, o 70 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (que celebramos tamén cun acto no Teatro Principal o pasado 10 de decembro) ou co Día Internacional das Persoas Migrantes, que se conmemorou o pasado martes 18 de decembro".

No ano 2017, Médicos do Mundo Galicia atendeu a 114 persoas migrantes que sufriran unha ou varias vulneracións do seu dereito á saúde no Servizo Galego de Saúde. Tal e como indicaron no se informe, "o número vén crecendo ano a ano dende a implantación do Real Decreto Lei 16/2012, que eliminaba a universalidade do sistema sanitario: un 6,6% máis que no ano 2016 e un 53,3% máis que en 2015".

O RD 16/2012 recoñece a asistencia sanitaria en situacións especiais para persoas estranxeiras non rexistradas nin autorizadas en España en caso de urxencia por enfermidade grave ou accidente, calquera sexa a súa causa, ata a situación de alta médica, así como a menores de 18 anos e a atención a embarazo, parto e postparto. "Con todo, dende o 2012, Médicos do Mundo Galicia atendeu a moitas persoas que debían entrar por esta vía e que viron o seu dereito vulnerado".

A edila de Políticas Sociais reclamou "unha Atención Primaria de calidade e cunha boa dotación de recursos económicos, e sobre todo humanos, que debe orientar a organización dos sistemas de saúde".

Aumento das vulneracións
Durante 2017 e 2018, a organización detectou un "aumento sistematizado da facturación da atención prestada ás persoas migrantes irregulares que acudiron a urxencias por ter un problema de saúde e non poder ser atendidas por outra vía, sendo a vulneración máis frecuente".

Dende a aparición do Real Decreto, "o Servizo Galego de Saúde non é universal, senón que está limitado a unha serie de supostos. Isto deixa sen ningún tipo de garantía de cobertura de servizos socio-sanitarios a aquelas persoas con patoloxías crónicas, en situación de fin de vida, con discapacidades ou ás que foxen de países en conflito", indica o informe.

Médicos do Mundo Galicia, que está a liderar a Red de Denuncia y Resistencia al RD 16/2012 (REDER), reflexiona no informe: "Pódese utilizar o termo universal nunha realidade de acceso a un dereito básico como é o dereito á saúde tan desigual?".

Compartir: