EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Escola Municipal de Música celebra este venres o seu tradicional Festival de Nadal no Teatro Principal

20/12/2018 Este venres 21 de decembro, ás 19:00 horas, o Teatro Principal acollerá o Festival de Nadal 2018 da Escola Municipal de Música. Neste evento, as diferentes agrupacións do centro dan a coñecer todo o traballo desenvolvido nos primeiros meses do ano escolar. O concerto tamén servirá para render homenaxe ao recentemente falecido Xosé Manuel Rodríguez-Abella, xefe do Departamento de Educación e Cidadanía e persoa sen a que non se pode entender a historia recente da Escola Municipal de Música.

No Festival de Nadal participarán a Orquestra, composta por 37 músicos; a Orquestriña, con 17 compoñentes; a Bandiña, con 37 músicos/as; a Banda, con 45 compoñentes; o Coro de Nenos, con 58 rapaces/as; o Coro de Adultos, con máis de 55 compoñentes; a Agrupación de Música Tradicional con 30 integrantes, e o Combo de Música Moderna, con 20 alumnos e alumnas, acompañados todos/as neste concerto polo profesorado da EMM e polas familias que desexen asistir.

A Escola
Na actualidade, a Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conta cunha matrícula de 442 alumnos e alumnas a partir dos 3 anos, e 18 profesores e profesoras, que imparten 18 especialidades instrumentais, entre as que destacan, pola súa demanda: 31 alumnos/as de violín, 34 alumnos/as de piano, 21 alumnos/as de clarinete, 19 alumnos/as de percusión ou 13 alumnos/as de saxofón. Ademais, conta con diferentes agrupacións, como a Orquestra, a Banda e os coros de adultos e de nenos e nenas.

Neste novo curso escolar, do que van transcorridos só tres meses escasos, o claustro de profesorado da EMM e o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago xa lle ofreceron ao alumnado varias oportunidades de interpretar música ao vivo, participando en actos institucionais, tocando en concertos ou colaborando con outras agrupacións musicais.

Documentos relacionados



Compartir: