DEPORTE

Todo listo para despedir o ano cunha nova edición da San Silvestre compostelá

20/12/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, acompañada do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; do delegado da mesma en Santiago, Iván Sanmartín; do director de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés, Pati Blanco, e da atleta Esther Pedrosa, deron hoxe os detalles da sexta edición da San Silvestre compostelá.

Tal e como sinalou Noa Morales, a proba "reunirá na nosa cidade a centos de atletas que despedirán o ano da mellor maneira, correndo". A inscrición na proba pode facerse de forma online en www.sansilvestresantiago.com ou presencialmente no Multiúsos Fontes do Sar e no Polideportivo de Santa Isabel. A data límite é o vindeiro 27 de decembro. A edila lembrou que ten un custo de 6 euros, agás para as e os inscritos no circuíto CorreSan, gañado por Nuno Costa, que será gratuíta.

Esta proba continua co labor de concienciación sobre os beneficios que a actividade física regular provoca na mellora da calidade de vida dos nosos cidadáns, tal e como se fixo no VII Circuíto de Carreiras Saudables de Santiago, rematado o pasado 1 de decembro.

"Unha das novidades desta edición é a existencia dun caixón competitivo, onde estarán os atletas cuxas marcas sexan de menos de 42 minutos en 10 quilómetros ou 21 minutos en 5 quilómetros para homes (só probas homologadas), e de 47 ou 23:30 minutos, respectivamente, en mulleres", segundo explicou a concelleira de Deporte.

Isidoro Hornillos definiu esta proba como "a festa do atletismo, unha proba que forma parte do ADN de Compostela". Na mesma liña se pronunciou Esther Pedrosa ao marcar o "carácter festivo da carreira de fin de ano que ademais discurre polas rúas do casco histórico unha vez que cae a noite na cidade". Pola súa banda, Pati Blanco lembrou que "El Corte Inglés porá a disposición dos participantes 2.200 gorros de Papa Noel para que as persoas que o desexen poidan correr con eles". Finalmente, o delegado da Federación Galega de Atletismo en Compostela, Iván Sanmartín, deu as claves técnicas da proba, na que "a día de hoxe hai xa inscritas 800 persoas, e aspiramos a chegar ás 2.000".

Percorrido e horarios
Ás 18:00 horas darase a saída da San Silvestre 2018, que comezará na praza do Obradoiro e percorrerá as rúas de San Francisco, Carretas, Trindade, Travesa de Fonseca, Franco, Fonseca, Vilar, praza do Toural e Bautizados, ata chegar á Alameda, onde haberá ademais animación para os corredores e corredoras. Posteriormente, a proba irá por Xoán Carlos I, Senra, Virxe da Cerca, Casas Reais, Entremuros, Algalia de Abaixo, praza de Cervantes, Azabachería, Vía Sacra, San Paio de Antealtares, Conga e rúa Nova, para volver pola rúa do Vilar ata a praza do Obradoiro. O circuíto ten unha lonxitude de 5,5 quilómetros. A entrega de premios está prevista para as 19.15 horas.

Premios
Como vén sendo habitual, a San Silvestre compostelá contará con varios premios de 200, 150, 100 e 50 euros ás catro primeiras mulleres e catro primeiros homes da proba, así como trofeos para aquelas persoas que cheguen nos tres primeiros postos tanto na categoría de escolares como na de adultos.

Tamén se premiarán os tres mellores disfraces a nivel individual e de grupo. En canto aos clubs, haberá premio para os tres clubs de atletismo federado con máis participantes adultos, tanto masculinos como femininas, e premios aos tres grupos populares, empresa e centro deportivo ou ximnasio con máis participación na proba.

Direcciones relacionadas



Compartir: