ALCALDÍA

Compostela e outras oito cidades solicitan ao Ministerio de Transición Ecolóxica participar na reforma do bono social

19/12/2018 Representantes de varias das principais cidades do Estado remitiron este martes unha misiva conxunta á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, demandándolle cambios no bono social e a formalización dun espazo de traballo cos concellos para a reforma da devandita axuda, que é até a data a única relacionada coa pobreza enerxética.

Os alcaldes e alcaldesas asinantes da misiva sinalan "unha profunda preocupación polo problema da pobreza enerxética e pola falta de medidas efectivas para asegurar o acceso ás subministracións básicas das persoas e familias en situación de vulnerabilidade", engadindo na carta que "somos os concellos quen en gran medida cubrimos as necesidades enerxéticas das familias cando o demais falla" polo que solicitan interlocución directa nesta materia "sen órganos intermedios".

A carta propón cinco cambios no bono social. O primeiro refírese á cobertura, solicitando as mudanzas regulatorias necesarias para ampliar a cobertura do bono social aos clientes de comercializadoras que non sexan de referencia e piden que calquera comercializadora que o desexe poida prestar o bono social.

"A día de hoxe só teñen acceso ao bono social as clientas e clientes de 8 comercializadoras en todo o Estado (as 5 do oligopolio e tres máis), das máis de 700 que existen. Esta é unha discriminación inxustificable, que supón canalizar os recursos públicos cara a un grupo de empresas que dominan o sector, e ademais, exclúe a máis da metade dos contratos, tanto da axuda, como da protección contra o corte de subministración", sinala a carta.

O segundo cambio que propoñen é que as empresas enerxéticas estean obrigadas a adaptar os contratos das familias vulnerables ás súas necesidades reais (optimización de potencia e tarifa) antes de aplicar o bono social, para evitar que se sigan subvencionando "a través do bono social, descontos sobre facturas moito máis altas do necesario", argumenta o escrito.

Ademais, solicitan que a aplicación do bono social sexa automática, como sucede en Portugal dende o ano 2016, pois a confusa tramitación está a impedir o acceso a miles de familias; que se aplique o principio de precaución tal e como recolle a Lei Catalá 24/2015, para que as empresas enerxéticas non poidan cortar a luz sen comprobar que a familia ou persoa non está en situación de vulnerabilidade; e finalmente solicitan que se destinen recursos e persoal nos concellos para formación, asesoramento e acompañamento enerxético ás familias vulnerables.

A carta foi asinada polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, xunto cos seus homólogos e homólogas en Cádiz, Valencia, Pamplona, Zaragoza e Rivas-Vaciamadrid, e as tenentes de alcaldesa de Barcelona, Madrid e Sant Feliu de Llobregat.

Compartir: