ALCALDÍA

A Festa do Apego regresa no Nadal ao Auditorio con música, teatro e obradoiros

19/12/2018 O Auditorio de Galicia acollerá o próximo sábado, 22 de decembro, unha nova edición da Festa do Apego, con contos, música, xogos, e moitas propostas para que as nenas e nenos poidan gozar e socializar en galego. As actividades, especialmente pensadas para crianzas de 0 a 6 anos, desenvolveranse dende as 12:00 ata as 19:00 horas.

O alcalde presentou hoxe unha nova edición da Festa do Apego, que "procura que Compostela siga sendo referente na programación cultural e educativa, en galego, para as nenas e os nenos". Martiño Noriega explicou que a festa que se celebrará no Auditorio "segue a filosofía do programa Apego, no que Santiago participa activamente xunto con máis de vinte concellos galegos, co obxectivo de fomentar a transmisión do galego como primeira lingua das nenas e os nenos, para que sexa o seu instrumento para descubriren o mundo". Trátase, apuntou o alcalde, de "buscar ferramentas para frear a preocupante evolución que di que, en dúas décadas, a transmisión interxeracional da lingua caeu un 20%, segundo a Real Academia Galega".

Teatro e contos
Para fomentar o uso do galego entre as crianzas, a Festa do Apego chega cargada de actividades, diversión e tamén de información por parte de diferentes colectivos. O teatro será un dos protagonistas da programación, con dúas propostas ben diferentes. Pola mañá, os nenos e nenas de 0 a 3 anos poderán gozar de O aloumiño dunha estrela, de Avoa Youja, en dúas sesións ás 12:00 e ás 13:00 horas. Trátase dun espectáculo sensorial, para que os máis pequenos e pequenas gocen da poesía das imaxes, co arrolo da música da arpa.
Xa pola tarde, ás 17:00 e ás 18:00 horas, Caramuxo Teatro representará Redondo, un espectáculo pensado para nenos e nenas de 1 a 4 anos que conta a historia de Mr. Round, un personaxe ao que lle fascinan todos os obxectos redondos.

En canto aos contos, pola mañá, Raquel Queizás levará á Festa do Apego o seu Nano vai á escola, en dobre sesión ás 12:00 e ás 13:00 horas. Trátase da historia de Nano, unha ra pequena que afronta a aventura do inicio da súa etapa escolar, e faino ademais utilizando a súa lingua propia. Xa pola tarde, haberá dúas propostas distintas: Avós, de Trinke Trinke, ás 17:00 horas; e O Apalpador, de Anxo Moure, ás 18:00 horas.

Música e obradoiros
A Festa do Apego estará tamén cargada de música. A partir das 12:30 horas, Mamá Cabra tomará o Auditorio co seu espectáculo Deveribés, no que fai un percorrido polos grandes éxitos da banda, unha das referencias na música infantil galega. Xa pola tarde, a partir das 19:30 horas, a Banda Municipal de Música de Santiago e a compañía de circo Pistacatro xuntaranse no espectáculo Orquestra de Malabares. Nel, os malabaristas convértense en bailaríns da Banda, e os músicos transfórmanse en actores, baixo a dirección de Casiano Mouriño e de Pablo Reboleiro. O espectáculo está pensado para nenas e nenos de máis de catro anos.

A programación da Festa do Apego complétase con obradoiros de construción de xoguetes e enredos musicais con materiais de refugallo, da man de Xandobela, cun espazo de xogo libre, a cargo de Terra Miúda, e con proxeccións audiovisuais. Tamén haberá postos con diverso material de exposición, para coñecer máis de diferentes entidades relacionadas coa crianza, e do propio Proxecto Apego.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: