TURISMO

"Capuccino" (Artesana) e "Montadito Tenreira-Arzúa-Ulloa" (A Viaxe) triunfan en Santiago(é)Tapas 2018

18/12/2018 A Sala Malatesta acolleu a festa de entrega de premios da undécima edición de Santiago(é)tapas, concurso de tapas compostelás organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela.

Santiago(é)tapas 2018 contou con 68 locais participantes, que presentaron 101 tapas a concurso na primeira fase do 15 de novembro e o 2 de decembro. As mellores dez tapas escollidas polo xurado pasaron á gran final do 7 ao 9 de decembro, onde o público e un novo xurado profesional valoraron as finalistas.

En total, nos 20 días de concurso consumíronse máis de 30.000 tapas e emitíronse 21.700 votos válidos para escoller os dous premios do público, resultado do voto popular da primeira fase, e os tres grandes premios finais, resultado conxunto da valoración do xurado profesional e o voto popular dos tres días da final.

As tapas premiadas foron:

- Primeiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 1.000 euros: "Montadito Tenreira Arzúa-Ulloa", de A Viaxe.

- Segundo Premio Santiago(é)tapas, dotado con 500 euros: "Croqueta", de Artesana.

- Terceiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 500 euros en produto: "A Pataca Quechola", de Doña Ana.

- Primeira Tapa do Público, dotado con 700 euros: "Capuccino", de Artesana.

- Segunda Tapa do Público, dotado con 300 euros: "Petisco galego 100% apto", de TS A Casa.

- Premio(é)tapas+, ao máis activo dinamizador do concurso nas redes sociais, dotado con 700 euros: @queverensantiago, usuario de Instagram.

Na festa de entrega estiveron presentes como anfitrioas Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, e Sara Santos, presidenta da Asociación de Hostalería de Santiago de Compostela; así coma a xerente do Turismo de Santiago, Flavia Ramil; a vicepresidenta da Asociación de Hostalaría, Rita Sobrado; Carlos Fuertes en representación do patrocinador Mahou; Miguel Sandá, xefe de zona centro de Cash Record, e Jorge Guitián, coordinador do xurado, entre outras personalidades.

Ademais da entrega de premios, presentada por Evaristo Calvo, a festa final contou coa participación dalgúns gañadores das pasadas edicións, como Tapería Castelao, O Ferro, A Maceta e Hotel Puerta del Camino, que prepararon en directo as súas tapas galardoadas.

Por cuarta edición consecutiva, Santiago(é)Tapas foi organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalaría Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Ademais, Santiago(é)tapas conta con Mahou como patrocinador principal, co patrocinio xa tradicional de Cash Récord e Coca Cola, e coa colaboración institucional da Deputación da Coruña.

Compartir: