ACCIÓN CULTURAL

En marcha o proxecto "Mutacións Urbanas", que achega a creación artística a colectivos invisibilizados

18/12/2018 O proxecto Mutacións Urbanas, que se desenvolve por segundo ano grazas ao apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, iniciará mañá as súas accións de rúa abertas ao público en xeral. A acción impulsada por 7H Cooperativa Cultural entra así nunha nova fase, despois de varias semanas traballando con diferentes colectivos sociais en laboratorios de creación pechados.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, deu conta hoxe do proxecto, nunha rolda de prensa na que tamén participaron a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e Clara Cordeiro, unha das coordinadoras de Mutacións Urbanas. A concelleira explicou que o proxecto é "unha aposta por achegar a creación artística a colectivos en risco de exclusión social ou a persoas con diversidade funcional, no marco da transformación da cidade nun espazo igualitario, participado por todas e todos". Branca Novoneyra salientou que as actividades deseñadas "defenden dende a arte contemporánea valores como a igualdade, a solidariedade ou o compromiso social, empoderan a colectivos vulnerables e danlle visibilidade a outros modos de vivir, democratizando a arte contemporánea".

Na mesma liña, a vicepresidenta da Deputación da Coruña salientou que "pequenos colectivos como 7H Cooperativa Cultural Galega e pequenos proxectos coma este só precisan un pequeno empurrón para acabar sendo referentes, e iso é o que agardamos con axudas como as que concede o organismo provincial". Goretti Sanmartín puxo en valor as actividades de Mutacións Urbanas, que "facendo referencia a unha máxima do feminismo, queren facer visible o invisible, darlle o protagonismo que deberan ter como cidadanía de pleno dereito colectivos que están invisibilizados ou marxinados".

O proxecto é continuidade doutro do mesmo nome que se desenvolvera ao longo de 2016, "tamén grazas a unha subvención da convocatoria aberta realizada pola Concellaría de Acción Cultural". Nesta segunda edición, a axuda municipal supera os 9.700 euros, e as actividades contan tamén co apoio económico da Deputación da Coruña, a través da súa convocatoria de proxectos singulares de especial interese cultural, cunha achega de 10.230 euros.

Accións de rúa e laboratorios de creación
Ao abeiro de Mutacións Urbanas véñense celebrando seis laboratorios de creación con outros tantos colectivos, os que se abordan cuestións específicas relacionadas con cada un deles. Así, en colaboración coa Fundación Secretariado Gitano, estase a desenvolver un laboratorio de creación escénica feminista baixo o nome de "Soños"; Down Compostela participa nun obradoiro denominado "Pedras", que trata de converter obxectos cotiás e mesmo insignificantes en perfectos agasallos; e "Memoria" é o título do laboratorio que se vén desenvolvendo co alumnado do Bacharelato de Artes do IES de Sar e do IV Ciclo da USC.

Os outros tres laboratorios de creación son "DJ Inclusivo", realizado con ASPAMITE de Teo; "Traxectorias Cruzadas", con ASPANAES, e "Habitando Muros", en colaboración con Centinelas.

Clara Cordeiro explicou que os laboratorios "son diversos como a propia creación contemporánea e como os colectivos para os que están deseñados, e abordan diferentes disciplinas, como o audiovisual, as artes plásticas, as performances ou o traballo de son". Despois do traballo nos laboratorios, mañá comezarán as accións de rúa. A primeira correrá a cargo da artista Rebeca Mariño e ASPANAES, "que están traballando nunha cartografía sensorial da cidade, da que queren facer partícipe a toda a veciñanza". Tamén esta semana, Down Compostela "levará á rúa un proxecto no que están a converter as pedras que atopan no Camiño en bombóns cos que agasallar á veciñanza".

Compartir: