OBRAS

Todo listo para o comezo, á volta do Nadal, de obras por máis de 800.000 euros

18/12/2018 Á volta do Nadal botarán a andar importantes actuacións que lle afectan a diferentes ámbitos da cidade, e que suporán un investimento total de máis de 800.000 euros. O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial deu conta hoxe das obras que arrancarán co novo ano, ao tempo que fixo balance do estado de diferentes proxectos que se puxeron en marcha nos últimos meses.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial lembrou que "o sector da construción para entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro por convenio, e será a partir desa data cando se retomen algunhas obras en marcha e se inicien outras xa adxudicadas". Unha das primeiras en comezar tras as vacacións de Nadal será a reforma do parque da Constitución, na que se investirán case 250.000 euros. O proxecto "permitirá poñer en valor unha zona infrautilizada da cidade e mellorar a convivencia no parque, ao dotalo dunha área específica para a zona do skate", O concelleiro apuntou que a actuación permitirá "acondicionar para a práctica do skate ata 1.500 metros cadrados de terreo, mentres que os actuais elementos serán substituídos por un circuíto de street work out e calistenia". O proxecto contempla un prazo de execución de catro meses.

Outra agardada actuación que comezará despois de Reis será a renovación da rúa da Batalla de Clavijo e anexas. Trátase dun proxecto orzado en case 360.000 euros, procedentes de fondos europeos do programa ReVive Santiago-Edusi, e do que se vai encargar a empresa Alcomte Galicia. Rafael Peña lembrou que as obras afectaranlle á rúa da Batalla de Clavijo e á escalinata de Bispo Teodomiro, "que se atopan en moi mal estado de conservación e que presentan problemas na ordenación do aparcamento". O concelleiro apuntou que o proxecto "soluciona problemas derivadas das diferenzas de cota da rúa, e tratará de paliar as barreiras arquitectónicas existentes". As obras, que teñen un prazo de execución de seis meses, permitirán manter un total de 40 prazas de aparcamento.

Outras actuacións para comezo de ano
Rafael Peña explicou que o novo ano chegará cargado de actuacións. Así, despois do Nadal comezarán obras tan agardadas como a da pasarela de Fontiñas, que vén de ser adxudicada na última xunta de goberno. Neste caso, a obra que permitirá conectar os dous edificios do CEIP de Fontiñas ten un prazo de execución de tres meses e un orzamento de 105.000 euros.

A maiores, despois do 7 de xaneiro comezarán as obras de mellora dos accesos a Lamascal, en San Xoán de Fecha. Esta actuación suporá un investimento de máis de 90.000 euros, dos que 33.500 serán achegados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Neste caso, o prazo de execución é de dous meses.

Por último, e aínda que non se trata de obras, Rafael Peña mostrou a súa satisfacción porque nas próximas semanas quedarán executadas dúas accións vinculadas aos Orzamentos Participativos Compostela Decide. Unha delas é a instalación da nova sinalización do rural, grazas a un investimento de máis de 50.000 euros, dos que 20.000 proceden dos Orzamentos Participativos. Ademais, chegará por fin ao Concello o tractor rozador, "que axudará a manter as marxes da rede viaria do rural en mellor estado".

Obras iniciadas
O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial tamén fixo balance das obras que están en marcha. Rafael Peña explicou que antes de que remate o ano estarán concluídas actuacións moi importantes, como a reurbanización da avenida de Vilagarcía, cun investimento de 360.000 euros; a repavimentación do viario de servizo do Cruceiro da Coruña, á que se destinaron 200.000 euros; a mellora da accesibilidade na rúa do Bispo Diego Peláez, orzadas en 170.000 euros; e a renovación do pavimento da rúa do Espírito Santo, por case 50.000 euros.

Ademais, xa están rematadas as obras de reurbanización do tramo da rúa das Cancelas no seu encontro coa avenida de Rodríguez de Viguri, ás que se destinaron 150.000 euros; e actuacións de mellora da pavimentación no acceso ás Pereiras, na parroquia da Gracia (62.000 euros), e no viario que comunica Barciela con Cesar (130.000 euros).

Compartir: