ALCALDÍA

O alcalde reclamará en Madrid "avanzar no camiño marcado en setembro para construír a EDAR na Silvouta"

17/12/2018 O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, viaxarán mañá a Madrid para participar nunha xuntanza con representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica e da Xunta de Galicia para abordar o proxecto da futura EDAR de Santiago. Nesa reunión, o Goberno local reclamará ao Ministerio que "avance nos acordos acadados en setembro para construír a depuradora na Silvouta, no espazo que ocupan as actuais instalacións". O alcalde lembrou que "este é o proxecto con menor custo, con menor impacto ambiental, con maior consenso social e con posibilidades de manter a maior consignación europea".

O alcalde foi preguntando hoxe en rolda de prensa pola reunión que se celebrará mañá en Madrid, tal e como explicou, "a petición da Consellería de Infraestruturas e cando xa estaba fixada para o mércores unha reunión en Santiago con Acuaes e con Augas de Galicia, que se mantén convocada". Martiño Noriega incidiu en que o obxectivo do Goberno é que "nesa xuntanza o Ministerio de Transición Ecolóxica se manteña no dito na reunión bilateral celebrada en setembro, na que se descartou a localización do Souto para a nova EDAR e se deu por boa a da Silvouta, tal e como o propio ministerio informou nas súas redes sociais". Naquela reunión, o Ministerio de Transición Ecolóxica asumiu o compromiso de que Acuaes iniciaría a licitación do estudo de alternativas para a depuradora de Santiago, "o organismo puxo a data de novembro para aprobar ese inicio de licitación, e o trámite quedou parado tras a reunión mantida polo presidente da Xunta e a ministra en Madrid, na que Alberto Núñez Feijóo reabriu o debate sobre a localización da EDAR".

Obra de Interese Xeral
O alcalde incidiu en que a construción da nova EDAR "é unha obra de Interese Xeral, e é ao Goberno estatal a quen lle corresponde desenvolver e licitar o proxecto, no que tamén están implicados o Concello e a Xunta". O Goberno local, explicou Martiño Noriega, "ten defendido e argumentado a viabilidade do proxecto da Silvouta con informes técnicos e xurídicos, e mesmo cun borrador de bases para que o Ministerio licite a actuación polo procedemento de diálogo competitivo, que consideramos o acaído para que a nova EDAR saia adiante nos terreos da actual".

O Goberno local mantén que o proxecto da EDAR da Silvouta ten un menor custo económico e ambiental, pero tamén que é o que permitiría acceder a unha maior cantidade de fondos europeos para o seu financiamento. Nesa liña, o alcalde lembrou que "os informes encargados polo Concello de Santiago avalan que a declaración de impacto ambiental do Souto está caducada, polo que sería preciso iniciar o procedemento dende cero e sen a opción da declaración simplificada que acurtaría os prazos, algo que si é posible no caso da Silvouta".

A maiores, o alcalde explicou que o Concello vén de recibir tamén o informe do Ministerio de Política Territorial e Función Pública sobre o inicio do procedemento de derivación de responsabilidade por incumprimento da directiva europea sobre o tratamento de augas residuais urbanas. Nese informe recoñécese que Santiago xa cumpre a normativa, e sinálase tamén que "ao existir unha declaración de Interese Xeral do Estado recoñecida por este, a execución das medidas necesarias para o cumprimento da deputación de augas residuais corresponde á Administración Xeral do Estado".

Compartir: