TURISMO

Santiago(é)tapas desvelará este martes as tapas gañadoras nunha festa de entrega de premios

17/12/2018 Tras a gran final, con 10 tapas finalistas, celebrada do 7 ao 9 de decembro, mañá martes serán desvelados os premios da undécima edición do certame Santiago(é)tapas, nunha festa que terá lugar na Sala Malatesta ás 20:30 horas.

Santiago(é)tapas celebrou a súa undécima edición con 68 locais participantes, que presentaron 101 tapas a concurso entre o 15 de novembro e o 2 de decembro. Esta edición do concurso de Tapas de Santiago, coorganizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalaría Compostela e co patrocinio principal de Mahou, tivo importantes novidades, entre as que destacou a gran final, na que participaron 10 tapas finalistas.

A gran final de Santiago(é)tapas naceu co obxectivo de darlle ao público a posibilidade de probar e valorar as tapas consideradas polo xurado as dez mellores do evento. Ademais, dende o punto de vista turístico, a final do concurso promocionouse coma un evento en si mesmo, con capacidade para a atraer a público foráneo aproveitando a ponte de primeiros do 7 ao 9 de decembro.

Durante eses tres días, os establecementos con tapas finalistas tiñan a obriga de ofrecer a súa tapa ao público. A elección das tapas gañadoras entre as finalistas fíxose unindo a valoración do xurado profesional e o voto popular emitido durante os tres días da final.

Outra das novidades importantes da edición deste ano foi unha nova distribución dos premios do concurso. Así, na festa de entrega de premios de mañá, farase entrega do Primeiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 1.000 euros; o Segundo Premio Santiago(é)tapas, dotado con 500 euros, e o Terceiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 500 euros en produto. Ademais, este ano o público premiaba directamente cos seus votos emitidos entre o 15 de novembro e o 2 de decembro a dúas tapas. A Primeira Tapa do Público recibirá 700 euros e a segunda con 300 euros.

A maiores, este ano modificouse o premio Premio(é)tapas + co obxecto de dinamizar o concurso a través das redes sociais. O premio estivo aberto por primeira vez a calquera persoa ou colectivo que difunda o concurso a través das seguintes redes sociais: Facebook e Instagram. Este premio está dotado con 700 euros.

Ademais da entrega de premios, a festa final de mañá contará coa participación dos gañadores das pasadas edicións, que prepararán en directo as súas tapas gañadoras de anos anteriores: Tapería Castelao, O Ferro, A Maceta e Hotel Puerta del Camino.

Por cuarta edición consecutiva, Santiago(é)Tapas está organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalaría Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Ademais, Santiago(é)tapas conta con Mahou como patrocinador principal e co patrocinio xa tradicional de Cash Récord e Coca Cola. Conta ademais coa colaboración institucional da Deputación da Coruña.

Compartir: