CONSORCIO

A RFG celebra este xoves o seu concerto de Nadal baixo a batuta do director catalán Francesc Prat

19/12/2018 A Real Filharmonía de Galicia celebra, como cada ano por estas datas, o seu tradicional concerto de Nadal, con tres citas. A primeira será mañá xoves en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. O venres, a orquestra tocará no Auditorio de Ferrol, tamén ás 20:30 horas, en colaboración coa Sociedade Filharmónica Ferrolá. E o sábado a RFG desprazarase a Ourense, onde ofrecerá un concerto no Teatro Principal da cidade, a partir das 20:00 horas. A batuta destes tres concertos levaraa o director catalán Francesc Prat, no que será o seu debut coa Real Filharmonía de Galicia.

O programa destes concertos centrarase nunha selección de danzas francesas. Comezarán con varios fragmentos das indias galantes do compositor barroco galo Jean- Philippe Rameau (1683-1764). Esta ópera-ballet narra historias de amor "galante" en lugares remotos e exóticos, comprendidos baixo o nome xenérico de "as indias". Estes lugares son Turquía, Perú, Persia e América do Norte.

A continuación, os músicos interpretarán a Petite Suite de Claude Debussy (1862-1918). Son catro pezas nas que se mostra un barco navegando lentamente nunha cálida tarde de verán, un cortexo elegante e cheo de algarabía, unha danza e, finalmente, unha intensa escena de ballet.

O público terá ademais a oportunidade de escoitar Chacona do ballet de Armide, do compositor alemán Christoph Willibald Gluck (1714-1787). E os concertos concluirán coa Sinfonía nº 82 de Franz Joseph Haydn (1732-1809), a primeira das Sinfonías de París, coñecida como "O oso". Este sobrenome débese ao tema do último movemento, onde se trata de imitar unha danza campesiña denominada "danza do oso", porque é do tipo das que empregaban os feirantes que ían cun oso domesticado, de aldea en aldea, ofrecendo o espectáculo no que o animal "bailaba" ao son desta música.

A batuta de Francesc Prat
O director e tamén compositor catalán Francesc Prat móvese entre o repertorio sinfónico, a ópera e a creación contemporánea, pola que sente unha especial afinidade. Este interese situouno na escena da música actual, en particular en Suíza e España. No campo operístico, na actualidade é asistente do director inglés Ivor Bolton no Teatro Real de Madrid.

Dirixiu, entre outras, a Orquestra Sinfónica de Basilea, Basilea Sinfonietta, Orquestra de Cámara dos Países Baixos, Sinfónica da RTV de Eslovenia, Simfònica de Barcelona, Sinfónica de Madrid ou a Simfònica de lles Illes Balears.

Como compositor, o seu catálogo inclúe principalmente música de cámara e obras para ensemble, que foron premiadas en Suíza, Alemaña, Italia e Austria. En 2012 estreou a súa primeira ópera en Basilea.

Iniciou a súa formación musical na Escolanía de Montserrat. Proseguiu os seus estudos de oboe, piano e teoría no Conservatori Superior de Música de Barcelona. Con posterioridade graduouse en oboe na Escola de Música de Lucerna, de composición na Escola de Música de Basilea e en dirección na Escola Superior de Artes de Zurich.

Compartir: