XUNTA DE GOBERNO

Adxudicado o contrato de mantemento da rede viaria cun orzamento de dous millóns de euros ata 2020

14/12/2018 O Goberno local vai investir dous millóns de euros nos dous próximos anos no mantemento e reparación da rede viaria de titularidade municipal, uns traballos dos que se encargará a empresa Obras y Viales de Galicia SL. A Xunta de Goberno adxudicou hoxe o contrato, co obxectivo de que as primeiras actuacións arranquen á volta de Nadal.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que "o obxectivo do Goberno é garantir o correcto mantemento da rede viaria nos próximos anos, despois de termos vivido uns primeiros anos do mandato complexos por mor da falta de investimentos en épocas anteriores". Nesa liña, lembrou que "o orzamento destinado a mantemento e reparación dos pavimentos tense multiplicado por dez desde o inicio do mandato".

O contrato adxudicado hoxe, por dous anos prorrogables a outros dous, está divido en tres lotes. O máis importante, cun orzamento dun millón de euros para os anos 2019 e 2020, é para o mantemento e reparación de viarios con pavimentos asfálticos. O segundo lote, ao que se destinan 600.000 euros, é o de pavimentos non asfálticos, e o terceiro, cun orzamento de 300.000 euros, é o de viarios sen pavimentos de rodaxe específicos.

Obras en Lamascal
A Xunta de Goberno tamén adxudicou hoxe as obras de ampliación e mellora do viario de acceso a Lamascal, na parroquia de San Xoán de Fecha, nas que se van investir algo máis de 90.000 euros. Desa cifra, 33.500 euros serán achegados pola Agader, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. O proxecto contempla a ampliación da plataforma de rodadura do viario nuns 30 centímetros. As obras terán un prazo de execución de dous meses.

Outros acordos
O Goberno deulle luz verde na xuntanza de hoxe á sinatura dun convenio coa Cámara de Comercio para o desenvolvemento de programas de formación, fomento da cultura emprendedora e apoio á mellora empresarial. O Concello destina a este acordo unha achega de 15.000 euros.

Ademais, deuse conta da sinatura dun acordo entre o Concello e a Universidade de Santiago para realizar un estudo sobre a eficacia dunha intervención para persoas coidadoras con síntomas depresivos, a través dunha aplicación para smartphones.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: