DEPORTE

Máis de 1.000 escolares participaron na segunda edición da actividade "Coñece o squash"

14/12/2018 O polideportivo de Santa Isabel acolleu este venres a acción de clausura do programa escolar "Coñece o squash", que o Concello de Santiago impulsou, por segundo ano consecutivo, en colaboración coa Federación Galega de Squash. Ata alí se achegaron a concelleira de Deporte, Noa Morales, o campión de España e Europa, Borja Golán, e o presidente da Federación, Carlos Noya.

Este programa desenvolveuse por primeira vez o pasado curso nos centros escolares de Santiago. Trátase dunha proposta que ten como obxectivo achegar este deporte aos nenos e nenas de Compostela. Nesta edición participaron 1.100 escolares de nove centros: CEIP Quiroga Palacios, CEIP San Jorge, CEIP Lamas de Abade, CEIP López Ferreiro, CPR Casa do Neno, CEIP Vite I, CEIP Monte dos Postes, Down Compostela e CEIP Raíña Fabiola. As actividades comezaron o 24 de setembro e remataron hoxe cunha última sesión co alumnado do Raíña Fabiola.

Tal e como indicou a edila, "a campaña está a ser todo un éxito e os alumnos e alumnas teñen cada vez máis interese por este deporte, que en Santiago conta cun dos referentes mundiais como é Borja Golán".

A idea da campaña foi levar o coñecemento do squash aos nenos e nenas mediante unha serie de contidos eminentemente prácticos, desenvolvéndose cos profesores e profesoras de educación física que hai nos centros. A actividade realizouse nunha pista inchable, o que permitiu que puidese ir a todos os centros.

Compartir: