ALCALDÍA

O Concello entrega as Medallas de Ouro da cidade

13/12/2018 O Concello de Santiago fixo entrega esta tarde da súa máis alta distinción, a Medalla de Ouro da cidade, ao empresario José Otero e á agrupación Cantigas e Agarimos. Foi nun acto que presidiu o alcalde no Hostal dos Reis Católicos, e no que Ramón Castromil recibiu ademais o título de Fillo Predilecto de Compostela.

Tal e como acordou o Pleno da Corporación no pasado mes de xullo, o Concello entregoulle esta tarde a Medalla de Ouro da Cidade a José Otero. Con esta distinción, recoñécese o servizo á sociedade da Fundación creada polo empresario e pola súa esposa, Carmela Martínez, que sostén numerosas obras sociais, educativas e culturais. Entre elas, destaca a doazón dunha residencia xeriátrica no barrio compostelán de Pontepedriña, que sumou 150 prazas públicas para atención a maiores dependentes galegos, e que leva os nomes de José Otero e Carmela Martínez.

Ademais, no acto desta tarde recibiu unha segunda Medalla de Ouro a agrupación Cantigas e Agarimos, cando está a piques de celebrar o seu centenario. A entidade cultural é merecedora da distinción polo seu incansable labor de custodia do folclore galego, tanto na recuperación e conservación da música e o baile tradicional como na súa transmisión ás novas xeracións. Pola agrupación, que mudou a súa sede histórica da Algalia polo barrio do Castiñeiriño, teñen pasado xa case 3.000 alumnos e alumnas. Xunto con esta distinción, o Pleno da Corporación acordara outorgarlle cadansúa mención especial ás outras agrupacións folclóricas máis asentadas na cidade: Brincadeira, Colexiata de Sar e Ultreia.

Fillo predilecto
Por último, cumprindo tamén o mandato da Corporación municipal, hoxe recolleu a distinción de Fillo Predilecto de Santiago Ramón Castromil. O Concello quixo recoñecerlle os seus méritos como terceira xeración da empresa Castromil, a que el quixo galeguizar e utilizar como transmisora da cultura. Tamén se pon de relevo o seu papel como pianista, profesor do Conservatorio e académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes.

As persoas e entidades recoñecidas hoxe recibiron unha medalla, unha insignia e un pergamiño elaborado pola pergamiñista Susana Vázquez Pereira.

Direcciones relacionadas



Compartir: