ALCALDÍA

O alcalde apela á colaboración institucional no 25 aniversario da Declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade

11/12/2018 O alcalde, Martiño Noriega, fixo hoxe un chamamento a "seguir a liña marcada no Xacobeo do 93, no que a colaboración institucional e o esforzo conxunto das administracións conseguiron relanzar o fenómeno xacobeo e poñer en valor o Camiño de Santiago". Foi durante o acto de conmemoración do 25 aniversario da Declaración do Camiño Francés como Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO, celebrado hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea. O alcalde reivindicou a importancia deste recoñecemento "que fixo que todos os municipios polos que discorre a ruta xacobea sentiran un especial orgullo do propio que perdura ata hoxe".

Martiño Noriega interviu no acto de conmemoración do 25 aniversario da Declaración do Camiño Francés como Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO non só como alcalde de Santiago, senón en representación da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago. O rexedor compostelán apelou á cooperación institucional, "porque estamos obrigados a ir da man, sobre todo cando se achega a cita do Xacobeo de 2021 para a que debemos estar á altura".

Preservar o Camiño de Santiago
O alcalde tamén aproveitou o acto para "apelar á responsabilidade e ao compromiso de todas as administracións na conservación da ruta xacobea e ao traballo para evitar que o recoñecemento do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade sexa posto en risco". Martiño Noriega lembrou que esta Declaración da que se cumpren 25 anos "foi a primeira que a UNESCO non fixo recaer nunha cidade ou nun conxunto histórico", e salientou que "a capital galega celebrou tamén hai tan só tres anos o 30 aniversario da Declaración como Patrimonio da Humanidade da súa zona histórica".

O acto de conmemoración deste 25 aniversario estivo presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e contou tamén coa intervención do que fora conselleiro de Cultura en 1993, Víctor Vázquez Portomeñe, e do arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio. Antes da cerimonia do aniversario, as autoridades puideron visitar a exposición Fotos dos XXV anos da Declaración do Camiño Francés en España, no propio CGAC. Ao remate do acto, xa na praza do Obradoiro, descubriron unha lousa de granito conmemorativa do aniversario.

Compartir: