LINGUA

Música, contos, monicreques, maxia e unha gran festa no calendario do Apego deste mes de decembro

11/12/2018 Durante o mes de decembro, o programa Apego ofrece de novo un completo calendario de actividades para os máis pequenos e pequenas da casa e as súas familias. Música, baile, xogos, contos, monicreques e maxia configuran un programa de lecer no que destaca a festa Apego, que se celebrará o 22 de decembro no Auditorio de Galicia.

As propostas comezan este mesmo mércores 12, ás 18:30 horas, no Centro Cívico das Fontiñas, coa proxección do filme O Apóstolo. Ao día seguinte, no mesmo centro, Mijail Moriatov ofrecerá un concerto didáctico (18:30 h). A semana de actividades en Fontiñas complétase o sábado 15, ás 17:30 horas, cun obradoiro de xogos de mesa a cargo de Brazolinda.

Pero este sábado hai propostas en dous centros cívicos máis, o do Ensanche e o do Castiñeiriño, ambas as dúas ás 18:00 horas. No primeiro, nenos e nenas aprenderán a bailar nun obradoiro conducido por Pesdelán, mentres que no segundo actuará Títeres Cachirulo, teatralizando varios relatos curtos.

Os contacontos trasládanse o venres 21 ao Centro Cívico de Busto da man de Bululú (18:30 h). Tamén este día, ás 18:00 horas, no Museo de Historia Natural, os contos correrán a cargo de Anxo Moure.

O sábado 22 é a data escollida para unha nova edición da festa Apego]/em]. De 12:00 a 21:00 horas, o Auditorio de Galicia acollerá múltiples propostas de música, contos, xogos, obradoiros, teatro... e moita, moita diversión.

Este mesmo día, as historias contadas, cantadas e pintadas de Luís Prego e Fabaloba chegan ao Centro Cívico Cardeal Quiroga (18:30 h).

O calendario de actividades de decembro péchase o xoves 27 con dúas propostas. En Fontiñas haberá unha sesión de títeres en igualdade con Toxos e Carrouchas (18:30 h), mentres que o Mago Benxamín levará os seus trucos ao Centro Cívico de Bornais (19:00 h).

Direcciones relacionadas



Compartir: