CONSORCIO

O clarinetista finlandés Kari Kriikku toca esta semana coa RFG o "Concerto para clarinete" que Magnus Lindberg compuxo para el

10/12/2018 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana tres concertos. O primeiro será o mércores 12 no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas, dentro da tempada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. O xoves 29, a orquestra tocará en Santiago, no Auditorio de Galicia, tamén ás 20:30 horas, no marco da súa tempada de abono. E o venres 14, a RFG trasladarase á Coruña, onde tocará no Palacio da Ópera da cidade, ás 20:30 horas.

O mestre Paul Daniel, director titular da Real Filharmonía de Galicia, será o encargado de levar a batuta nos tres concertos. Baixo o título "Música nas Illas", o programa comezará cunha selección de danzas ao redor das Illas Británicas do compositor Malcolm Arnold (1921-2006). Son pezas inspiradas en ritmos e temas populares ingleses, escoceses, irlandeses, galeses e de Cornualles.

A continuación, o público poderá escoitar o Concerto para clarinete e orquestra que Magnus Lindberg (1958), un dos máis destacados compositores da actualidade, escribiu para o recoñecido clarinetista finlandés Kari Krrikku. A obra, que será interpretada polo propio Kriikku, estreouse no ano 2002 coa Orquestra Sinfónica da Radio Finlandesa baixo a dirección de Jukka-Pekka Saraste e foi moi eloxiada pola crítica. A peza permite múltiples ocasións de lucimento ao solista, cun amplo catálogo de tons, que van dende o emotivo e dramático ata o humorístico e irónico, mesmo con certo espírito jazzístico nalgúns momentos.

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 2 "Sinfonía Londres", do británico Ralph Vaughan Williams (1872-1958), unha das composicións inglesas máis icónicas. Nesta obra descríbense algunhas das paisaxes e monumentos máis emblemáticos da cidade londiniense, e mesmo os seus sons. O final abre cunha marcha e o son do Big Ben xorde como un presaxio do infortunio que xa se anticipaba, a chegada da Gran Guerra.

Kari Kriikku, un clarinetista referente da música contemporánea
O clarinetista finlandés Kari Kriikku é un artista consumado, referente da música contemporánea. Estrea con regularidade obras novas para o seu instrumento, compostas especificamente para el. Toca coas orquestras máis relevantes de Europa e América e cos directores máis recoñecidos do panorama internacional. A gravación do Concerto para clarinete de Lindberg foi nomeada nos Premios Gramophone de 2006.

Kriikku destaca pola súa inventiva musical e a súa actitude fresca cara ás actuacións tradicionais, non só como solista, senón tamén como director artístico da Orquestra de Cámara Avanti!. En 2009 foi galardoado co prestixioso Nordic Council Music Prize.

Charla previa co director Paul Daniel
Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Paul Daniel. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Direcciones relacionadas



Compartir: