COMERCIO

Máis de 90 expositores ofrecen os seus produtos no Mercado de Nadal da Carreira do Conde

04/12/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitou hoxe o Mercado de Nadal da Carreira do Conde, que abriu as súas portas o pasado 1 de decembro para acoller, ata o 5 de xaneiro, a 90 expositores dos sectores da alimentación, decoración para estas datas, regalos singulares e artesanía.

Nesta edición 2018/2019, os expositores veñen de toda Galicia: unha boa parte dos artesáns e artesás provén da comarca de Compostela, e tamén están representadas as bisbarras da Mariña, Barbanza, A Coruña, Lugo, O Courel, Pontevedra ou O Morrazo.

O Mercado estará aberto todos os días de 11:30 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro, nos que abrirá de 11:30 a 15:00 horas. O 25 de decembro e o 1 de xaneiro permanecerá pechado.

O oferta de produtos do Mercado renóvase cada seis días, con 15 expositores por quenda ata completar os 90 que participan este ano. Para esta primeira quenda, entre o 1 e o 6 de decembro, haberá postos de repostería de Nadal, artesanía en madeira, bolsos e mochilas, complementos de moda, empaquetado e papelaría, xoiaría, coiro, alimentación artesá, xoguetes e adornos para o pelo, e completarase coa oferta de churros e chocolate. A meirande parte dos expositores contan coa carta de Artesanía de Galicia, que garante que os obxectos e pezas son realizados enteiramente a man e a pequena escala.

A oferta do Mercado inclúe actividades variadas e obradoiros realizados por artesáns, que se desenvolven no Espazo Creativo; e actuacións musicais e monólogos de humor. A programación completa de actividades pódese consultar na páxina web do Mercado.

Festicult
Vencellado ao mercado programouse o Festicult na praza do Toural, con actividades musicais, contos, poesía e humor todos os sábados e domingos ás 21:00 horas. Comezou o pasado fin de semana coa actuación de Najla Shami á voz e Sergio Tannus á guitarra, para tomar o relevo o domingo o humor incisivo de Quico Cadaval.

En canto ás propostas musicais, os próximos sábados haberá A cara bonita da pedra, o sábado 8, coa música de Rafa Fernández, Virxilio da Silva, Ález Salgueiro e Juan Cañada; Beat con Nastasia Zürcher o 15 de decembro; Handle with swing, de Xabier Mera, Tomás Porteiro e Manu Gómez, o 22; para continuar coa Metamorfoses de Aida Saco (29 de decembro), e finalizar coa Bolboreta en acústico de Lydia Botana, Robert Pier e Sergi Landrove (4 de xaneiro).

Ademais, Pedro Brandariz porá en escena o seu monólogo Technologies o sábado 9 de decembro, e unha semana despois será a quenda de Cándido Pazó con Falando quéntase a xente. O 23 de decembro chegará ao Toural a poesía, a música e humor de Aldaolado, e o 30 de decembro actuará Carlos Meixide, co seu Humor infame.

Direccións relacionadas



Compartir: